#sermos164: todo sobre a campaña catalá

Máis un Sermos na rúa. Amplo tratamento para as eleccións cataláns, reportaxe desde o terreo sobre Grecia, falamos da nova vaga de emigrantes galegos a Londres; visitamos Ernes, onde a finais dos 70 naceu 'a comuna de Negueira'. Isto, e moito máis, á venda na nosa loxa

Sin nombre

As eleccións do 27 de setembro centran o Tema da Semana deste número 164. Cinco páxinas nas que a través de reportaxe, entrevistas e artigos de opinións deitamos a ollada sobre unha cita dunha importancia innegábel. '27S. Catalunya ten unha cita coa historia' é a reportaxe a dupla páxina na que falamos con galegos residentes en Catalunya e cataláns que viven en Galiza, así como con representantes de Junts pel Si e a CUP. 'Catalunya, ponto crítico da rutura real como o regime do 78' é un artigo de análise de Carlos Morais. Suso de Toro achega a súa visión en 'Catalunya, pura coraxe cívica', onde se pregunta “Cal vai ser o lugar da Galiza nese novo cenario? Só vai aparecer a través dos rendidos e dos traidores?”. Entrevistamos Karma Peiró, directora de Nació Digital. "Está a ser unha campaña tensa, un tour de force”, confésanos

Cristian López e Felipe Carnotto cóntannos desde Tesalónica, en 'Grecia e a resignación', como as eleccións helenas transcorreron entre a apatía xeneralizada e a sensación de imposibilidade de facer outras políticas fronte áTroika. Tres páxinas de xornalismo sobre o terreo.

En 'Bóla extra para o Ministerio de Defensa'. O Goberno de Mariano Rajoy leva aprobados créditos extraordinarios para a industria armamentística polo valor do orzamento dun ano.

'Ernes, unha illa no deserto'. Este lugar sito nas Terras de Burón procura alternativas ao despoboamento rural desde o cooperativismo e as redes de solidariedade nas que veciñanza e familia se entrecruzan. Falamos desta experiencia nunha dupla páxina.

Entrevistamos Nacho Cociña, presidente da Federación Galega de Rugbi.Cando restan apenas unhas semanas para o inicio da tempada 2015-2016, o rugbi galego descoñece se poderá principiar as competicións segundo o calendario previsto. O motivo, as dificultades para contratar un seguro médico a un prezo razoábel que permita que perto de 900 federados maiores de 17 anos podan desenvolver coas garantías que esixe a lei a súa actividade deportiva.

'Vidas Cruzadas' dalle a Hector Cajaraville o premio Raíña Lupa. O gañador do Premio Xerais e finalista do Premio Merlín fía na novela a relación que abre un atropelo entre dúas xeracións que separan 63 anos.

En Viaxes na Miña Terra imos até o aciñeiral e souto de Mercurín, no Courel, onde a variedade de substratos rochosos, combinada coas diferenzas de altitude e orientación crean multitude de ambientes que favorecen a diversidade da vida.

A nova vaga de emigrantes galegos no Reino Unido convertiu Londres nun dos epicentros culturais de Galiza. Hai máis de 40.000 veciños na capital inglesa e moitos deles fan cultura, tanto en inglés coma en galego, e tamén a consumen e reclaman. Contámoscho en 'Londoners que fan cultura galega'.

Neste número tamén falamos de Eileen Almeida Barbosa, unha das voces máis mozas e consolidadas da literatura cabo-verdiana. E de Camarada Nimoy e o seu novo traballo. E entrevistamos Caramuxo, grupo que ten un novo disco, 'Arrieiros somos'. É un sexteto formado por catro clarinetistas, un acordeonista e unha percusionista que reinterpretan a música tradicional galega dende una óptica contemporánea.

Todo isto, e moito máis, neste Sermos Galiza nº164.


 

Máis en Só en papel
Comentarios