#sermos161: un novo curso para defender o ensino público

Falamos de como se presenta o curso escolar, entrevistamos Francisco Rodríguez e X.M. Pereiro, lembramos Luis Rei, tentamos entender as causas do maior éxodo após a IIGM, achegámonos á voz das mulleres na lusofonía africana... todo iso e máis, á venda na nosa loxa.

sermos161

Máis un Sermos Galiza na rúa, o número 161. O inicio do curso escolar centra o Tema da Semana. Falamos con docentes, con familias, coa comunidade escolar para saber dun curso que se presenta como decisivo para a defensa do ensino público galego perante o acoso das políticas impulsadas desde a Xunta e o Estado polo PP. Un artigo de Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino completa a reportaxe a dupla páxina.

En 'Mulleres independentistas a prol dunha Assembleia Nacional Galega' facémonos eco do chamado dun grupo de mulleres de diferentes ámbitos e idades que apostan en recuperar Galiza pola Soberanía (GpS) mais con novos folgos e miradas.

Entrevistamos Xosé Manuel Pereiro, un dos portavoces da 'Iniciativa pola Unión', que afirma que “se fose pola xente, xa habería unha lista galega única". O xornalista manifesta que “Hai que aproveitar esa rede que tecemos para algo que permaneza. Sobre todo porque ese grupo parlamentario terá que obedecer e render contas a algo máis concreto que a Galiza, non?”.

Desterro

Tamén entrevistamos Francisco Rodríguez co gallo do 40 aniversario da súa condena a desterro. Corenta anos despois, Rodríguez lembra unha etapa convulsa e conflitiva da súa vida e crucial para a conformación social do nacionalismo galego. “No desterro recibín máis apoio en Cádiz ca dos galegos que ían de progres”.

'A parroquia de Chapela, en pé contra Fomento e Audasa'. Falamos da veciñanza que paralizou as obras de ampliación da Autoestrada AP-9 á altura da ponte de Rande ante os incumprimentos do ministerio e da empresa concesionaria. E en 'Unha depuradora que non depura' abordamos como en Ferrol se lle cobrou primeiro recibo á veciñanza sen prestar o servizo.

E en 'O mercado de Santa Lucía, unha historia de dignidade e loita': De contar con 230 postos ocupados, tan só acolle a día de hoxe cinco postos de alimentación. As praceiras e praceiros viven no limbo desde hai un ano.

Éxodo

Europa non é o epicentro da crise humana derivada do desprazamento forzado de millóns de persoas, porén ás costas gregas e italianas chegaron un 750% máis de exiliadas en 2015 do que o ano anterior. Falamos disto en 'Orixe e destino do maior éxodo após a II Guerra Mundial'.

'Fiabilidade e programa: A forza da Unidade Popular' é o título do artigo que publicamos de Costa Lapavitsas, É economista, foi deputado de Syriza e agora é candidato pola Unidade Popular. Este texto apareceu publicado no seu blogue e foi traducido para o galego por Cilia Torna. Outro artigo que podes ler neste númewro é 'O desexo catalán', de Suso de Toro.

Baixo o título 'De Telesur às rúas: a revoluçao será transmitida?' Davide Angelilli e Bruno Carvalho abordan como na Cimeira dos Povos, em Bruxelas, um dos pontos de centrais do debate transformador foi sobre o papel dos grandes grupos mediáticos e os caminhos para democratizar a comunicação. O artigo procura ilustrar como o processo bolivariano, na Venezuela, se apresenta como um exemplo na batalha por este objectivo.

E a onde imos esta semana co colectivo Xea nas Viaxes na Miña Terra? Pois ao Monte dos Acebais, un bosque máxico no cerne dos Ancares.

Luis Rei Núñez

En 'A discreta voz criadora da muller': nas literaturas africanas de língua portuguesa a participação da mulher como voz criadora é discreta, comparada à produção dos homens. Trazemos às páginas de Sermos uma poeta: Odete Semedo.

'Luis Rei, un activista xeneroso pola cultura do país'. O escritor e historiador do Salnés faleceu o pasado 10 de agosto, aos 54 anos, após unha longa enfermidade. Deixa un importante legado que recollen agora, entre outros, Emilio Insua e Paco Fernández Rei, os seus amigos máis próximos nos últimos días, ambos escritores e profesores, cos que conversamos para coñecer de perto a súa figura.“O seu soño máis inmediato era crear unha casa-museo de Ramón Cabanillas, aberta a todos e todas”.

E na contra-capa, o Festival de Poesía do Condando en 'Setembro, con S de Salvaterra'. Ademais, Andrés Castro, o crítico de cinema, fálanos de 'Third person', de Paul Higgins, gañador dun öscar por 'Crash'. E na crítica literaria Mario Regueira debrúzase sobre 'As paisaxes eléctricas', de Cristina Ferreiro. E Olga Brañas fálanos de 'Radio Pesquera'. o proxecto de Nono García e Pablo Novoa.

Máis en Só en papel
Comentarios