#sermos155: a nación galega pide paso

Especial de 8 páxinas ás portas dun 25X histórico. Entrevistas, reportaxes, opinións de Antón Losada, Mercedes Queixas e Pilar García Negro, entre outras. E moito máis. Xa á venda na nosa loxa. 

unnamed

O semanario Sermos Galiza chega ao seu número 155, que recén sae do forno cunha atención especial para este Día da Patria, unha cita novidosa en canto a formato e convocatoria e que se prevé histórica. A ela adicamos oito páxinas. Reunimos un 'painel' de expertos para que opinen sobre a convocatoria de manifestación unitaria e as posibilidades que se abren a raíz deste paso. Rosa Aneiros, Francisco Rodríguez, Marilar Aleixandre e Xosé Manuel Pereiro expóñennos as súas opinións ao respeto.

Tamén entrevistamos catro persoas que asistirán a este 25 de Xullo. Persoas de diferentes perfís que nos contan por que asisten ao Día da Patria e que sentido ten esta data para elas. En '25 de Xullo: "Común temos a Patria" botamos man do poema de Celso Emilio Ferreiro para falar de como se xestou este 25X e a ilusión que se está a xerar.

'Unidade? Muller, depende' é o título do artigo do profesor de Ciencias Políticas Antón Losada. 'Espello, espellismos ante o Día da Patria', de Mercedes Queixas e 'Cambio de rodas' de Pilar García Negro son outros dous artigos de opinión en torno ao 25 de Xullo. O director de Sermos Galiza, Xosé Mexuto, escribe 'Soberanismo, rupturismo e legalidade'. E Cilia Torna cóntanos sobre a primeira vez que se entonou o Himno Galego na Praza da Quintana após o golpe de estado de 1936.

En 'Algo cheira mal na planta de residuos de Nostián' destapamos a fraude da reciclaxe na planta de residuos que debería tratar o 65,58% do lixo da comarca da Coruña

Inéditos de Díaz Castro

Neste número tamén falamos duns inéditos de Díaz Castro descubertos en Mondoñedo, nunha casa familiar. Unha carpeta que contiña poemas, textos de ensaio... e da que falamos neste número 155.

Na sección de Textos entrevistamos o ensaísta e filósofo italiano Nuccio Ordine (Calabria, 1958) do que publicamos en exclusiva un avanzo de 'A utilidade do inútil. Manifesto', obra na que defende as humanidades e que vai ser publicada pola editoral Kalandraka.

Na sección de 'Okapi' debruzámonos no fútbol e literatura infantil da man de 'O álbum de Garrincha', de Beatriz Maceda. En Viaxes na Miña Terra percorremos a Illa de San Simón co colectivo Xea. E na contra-capa imos a Rianxo, onde o 31 de xullo e 1 de agosto vai decorrer o I Encontro de deseñadores galegos, unha cita imprescindíbel.

Máis en Só en papel
Comentarios