#sermos149: Precariado, traballo sen futuro

Analizamos a precariedade e como afoga o futuro do país, de como o Sergas cede perante as multinacionais, entrevistamos Iván Márquez (líder das FARC-EP) e H. Cajaraville (gañador do Xerais), crónica da travesía na Flotilla da Liberdade... todo isto e máis neste número do semanario. Á venda na nosa loxa.

unnamed

Sermos Galiza tira do prelo un novo semanario, o número 149 nos seus tres anos de existencia como proxecto en papel. Un número no que o tema da semana é a precariedade, como nun país con 236.981 persoas desempregadas optar a un posto de traballo é o anceio de moitas. Os dados apuntan a creación de emprego mais, que condicións laborais están a asentarse após o estourido da crise? Un artigo de Mario Maceiras completa a reportaxe a dupla páxina.

O desabastecemento premeditado de medicamentos por parte de grandes firmas farmacéuticas derivou nunha Xunta que optou por variar a axenda de vacinas e non denunciar a "chantaxe" e a "tiranía" destes laboratorios. Tratamos este tema en ‘O Sergas cede perante as multinacionais’ e entrevistamos María X. Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde para tratar este tema e outros, como o encerramento de camas e a privatización da sanidade.

En ‘Un drama que non cesa’ falamos de que o número de desafiuzamentos continúa a medrar na Galiza. Nove de cada dez persoas que son expulsas hoxe da súa vivenda estaban en réxime de aluguer. Ningún dos plans anunciados conseguiu pór freo a esta situación.

‘Un orzamento que non é o que parece’ è o título da reportaxe na que abordamos os custos da defensa española, co recurso ao crédito extraordinario para inflar as súas contas.

‘Crónica dunha travesía na Flotilla da Liberdade ‘: A portavoz do BNG en Europa Ana Miranda embarcouse durante tres días no Marianne, que partiu de Bueu rumbo a Lisboa. Nesta reportaxe cóntanos a experiencia e reflexións.

Proceso de Paz en Colombia

Carlos Morais entrevista en A Habana a Iván Márquez, xefe da delegación das FARC-EP e comandante. Unha dupla páxina na que este guerrilleiro colombiano afirma que “50 anos de luta não podem terminar em que simplesmente se silenciam os fuzis e aqui não passou nada”.

Tamén analizamos neste número #sermos149 a realidade do día a día do fútbol afeccionado e como as dificultades económicas condicionan a continuidade de moitos clubes galegos. E en ‘Viaxes na miña Terra’: An acente dos enormes areais de Razo e Baldaio, que se estenden mesmo mar adentro un par de millas para formar os sonados Baixos, o litoral cambia e convértese nunha costa rochosa e baixa. Alí, nese preciso punto de inflexión da paisaxe atópase a Pedra do Sal, que é ao tempo unha pedra e unha praia.

Xerais e Chaira de Amoroz

Entrevistamos Hector Carajaraville (““As ferramentas do xornalismo e a literatura coinciden, é normal que se abran as comportas”), gañador do premio Xerais, e publicamos un avanzo da súa obra ‘De remate’, que en breve sairá á luz. Tamén falamos da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, que en 2016 fará catro décadas de defensa e promoción da nosa lingua e a nosa cultura. A Deputación da Coruña vén de premiar a traxectoria da histórica asociación cultural da Coruña.

Na Chaira de Amoroz os cabalos andan libres. María Lozano e Enrique Moreiras crearon hai algo máis de un ano un centro terapéutico, cultural e educativo no que as crianzas se achegan aos animais, á natureza e aos labores do agro. Deste proxecto falamos tamén neste número.

E na contra-capa, os chíos da semana, o noso espía nos quiosques e o retorno de The Homens para un único concerto.

Máis en Só en papel
Comentarios