NO A FONDO DESTA SEMANA

O sector lácteo alén as cotas

O país do medio millón de vacas xa non ten a solta nos pés da cota láctea. Xa sen límites para producir, que perspectivas se nos abren? Analizámolo no A Fondo desta semana, coordenado por Antonio Oca.

capa a fondo sector lácteo

Xa non somos o país do millón de vacas, como definiu no seu momento Manolo Rivas, porque as políticas europeas, da que foron bo exemplo as cotas lácteas, obrigaron a unha dramática reconversión do sector nos últimos trinta anos. Agora, na Galiza do medio millón de vacas (350.000 de leite e máis de 200.000 de carne), xa desaparecida a cuota láctea, é preciso preguntarse que perspectivas se abren para as e os nosos gandeiros. A esta interrogante aberta queremos dar resposta no A Fondo desta semana, coordenado por un gran experto no sector, o axente de Extensión Agraria Antonio Oca Fernández.

O A Fondo sobre o sector lácteo conta con destacadas voces de expert@s, profesionais e técnic@s no sector. Tal é o caso do ex conselleiro de Agricultura, Francisco Sineiro;  a directora técnica do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite, Marisa Barreal; o presidente da Asociación Galega Terra e Leite, Xosé Turnes, ou Xosé Luís Antuña, o director xeral de Feiraco e presidente da INLAC, a Organización Interprofesional Láctea, que é o entrevistado desta semana.

"A situación é  grave no leite envasado con prezos por debaixo dos 0,55 euros, cando o Observatorio de Prezos dos Alimentos sinala un valor mínimo de 0,62", escribe Francisco Sineiro.

ANÁLISE DAFO

O A Fondo desta semana analiza os puntos fortes e febles, así como as perspectivas das principais patas que compoñen o sector:  @s esforzad@s gandeiros, que contra vento e maré non dubidaron en realizar fortes investimentos para saír adiante; a feble industria, que apenas investiu nos últimos anos, e a distribución que, organizada e forte, afoga as e os produtores con prezos do leite que non compensan os gastos. "A situación é especialmente grave no leite envasado con prezos por debaixo dos 0,55 euros, cando o Observatorio de Prezos dos Alimentos sinala un valor mínimo de 0,62 euros para facer fronte aos custos", escribe Sineiro.

Da man de Xosé Luís Antuña, revisamos neste A Fondo as posibilidades do modelo cooperativo para o novo futuro que agora se abre, sen límites para a produción, e a necesidade de abrir mercados alén o estatal.

"En Galiza imos competir moi mal se o leite sae en cisternas. Temos que ter capacidade de industrializar aquí todo o leite que producimos", afirma X.L. Antuña, de Feiraco.

CREAR VALOR ENGADIDO

O A Fondo desta semana repara, ademais, na necesidade de rematar o proceso de industrialización do leite no país, de cara á creación de produtos elaborados con maior valor engadido: "En Galiza imos competir moi mal se o leite sae en cisternas. Temos que ter capacidade de industrializar aquí todo o leite que producimos", afirma Antuña. Dun destes produtos elaborados, o queixo, fálanos o presidente da Denominación de Orixe Arzúa Ulloa, Xosé Luís Carrera Valín: ´"É normal escoitar reflexións sobre a necesidade de acadar produtos de máis valor engadido, e pouco común que se teña en conta os que hai, entre os que se atopan os queixos galegos", explica.

"A Xunta debería apostar porque o sector lácteo galego liderara a política láctea  no Estado, deixando de bailar ao ritmo que lle marca o Ministerio", conclúe neste A Fondo o seu coordenador, Antonio Oca, quen anima a medarar cara a fóra: "O leite galego debe buscar mercados fóra do estado español, monopolizado pola gran distribución francesa".

Máis en Só en papel
Comentarios