XOÁN CARLOS GARRIDO, COORDENADOR DESTE A FONDO

"Quen puxo Filgueira sobre a mesa non pode pedir agora que se agoche o debate"

Do Filgueira que se fotografaba coa bandeira galega coa esvástica Ultreia até o censor e o represor. O A Fondo que publicaremos esta quinta feira 14 de maio viaxa pola vida e obra do máis polémico homenaxeado no 17 de maio.

garrido

-Polémico e poliédrico, como se encaixa neste A Fondo a figura de Filgueira Valverde?

-Pode que semelle sesgado cara aos aspectos críticos mais, sen deixar de recoller a argumentación a prol do positivo da súa obra, quixemos compensar o silenciamento destas outras posicións que exhibirán os demais medios. Quen puxo sobre a mesa a Filgueira non pode pedir agora que se acoche o debate ao redor del.

-Que facetas da súa vida e da súa obra serán abordadas nos diferentes artigos que o compoñen?

-Cómpre salientar nos contidos o devandito obxecto central da controversia. Dise que esta dedicatoria pode ser unha oportunidade para coñecer o noso pasado, pois coñezámolo. Sobre todo o ocultado e perseguido.

-O historiador Uxío Breogán Diéguez aborda neste A Fondo a figura de Filgueira en relación co nacionalismo. Que papel xogou Filgueira ao respecto do nacionalismo?

-Este autor achéganos a traxectoria de Filgueira a respecto do movemento nacionalista co que durante un tempo conflúe e do que finalmente se afasta.

-O artigo que escribes para o A Fondo céntrase na visión que Castelao tiña de Filgueira. Para Castelao, quen era Filgueira?.

-Lembramos a posición xenuína de Castelao a respecto de Filgueira. Castelao non considera que Filgueira actúe por conviccións políticas, senón que bota man desas conviccións segundo lle conveña para os seus intereses persoais. Como explica Uxío Breogán Diéguez no seu artigo, houbo outras persoas da dereita galeguista coma el que foron exiliados e represaliados porque, precisamente, polas súas conviccións relixiosas, non podían xustificar un réxime que mataba. No fondo latexa esa convicción fascista de que non hai dereitas nin esquerdas. 

"Non é casual neste momento a escolla de Filgueira. O pasado é invocado para xustificar o presente."

-O historiador Lucio Martínez fala neste A Fondo das responsabilidades que ocupou Filgueira no réxime franquista e o seu papel coa represión fría na ditadura. Que dirías fronte a aquelas persoas que o consideran un franquista xeneroso ou que traballaba dende dentro contra o réxime de Franco?

-Abonda só lembrar o cargo que ocupou na Comisión de Depuración das Bibliotecas de Lugo e citar tan só un dos libros prohibidos: Aires da miña terra de Curros. Os datos cómpre coñecelos, despois que cada quen tire as súas conclusións.

-A escolla de Filgueira Valverde para o Día das Letras estivo marcada pola polémica dende o primeiro momento. Deixounos este Ano das Letras saber máis ao redor da súa figura?

-Este é un país con moi pouco coñecemento de si. As letras galegas eran usadas por quen as defendía como unha oportunidade para traballar en prol de aliviar ese descoñecemento. A dedicatoria a un franquista por parte daqueles que non se distinguen precisamente polo seu activismo foi interpretado como un xeito de desmobilizar ás persoas que están a traballar día a día por baixo e a contra corrente para disipar esta autoignorancia. Isto foi unha xogada intelixente para que se nos quiten as ganas de traballar a todos os que nos viñamos implicando ano tras ano no Día das Letras nos centros de ensino, nas asociacións...

-Nun dos artigos deste A Fondo, o escritor Francisco Castro fala do valor da súa obra literaria. Onde radica? Puidera ser que as críticas pola súa biografía deixen en segundo lugar o seu traballo literario?

-Non hai ese perigo neste caso. Imos asistir quizais á máis grande potenciación dunha obra dun autor homenaxeado, ao sobredimensionando de cada un dos seus treitos e achegas. Precisamente son os que promoveron esta dedicatoria os que non teñen problemas en relegar autores con maior calidade e cantidade no seu traballo literario por ter unha biografía coa que disenten.

-O filólogo Xosé Freixeiro Mato comeza o seu traballo para este A Fondo cualificando de falta de decoro o feito de que se lle dedicara o Día das Letras a Filgueira Valverde e non a Carvalho Calero. Que hai para o noso stablishment cultural que fai que así sexa?

-Pois, como comentaba antes, a biografía disidente de Carvalho Calero. Precisamente, para defender a Filgueira Valverde  como homenaxeado no Día das Letras dísenos que non hai que fixarse na súa vida, senón na súa obra. Mais iso non se aplica no caso de Carvalho Calero.

-Francisco Castro cualifica de infantilismo, neste A Fondo, levar aos altares ao homenaxeado do Día das Letras, como é habitual. Impediunos isto ter unha visión máis completa e real das persoas homenaxeadas até o de agora?

-Se aludimos á famosa mitificación, eu opino que lamentablemente a cultura galega non ten altares. Non hai nada que desmitificar porque estamos nunha cultura subalterna e minorizada que ten socialmente moito por facer para darse a respectar. Agora ben, concordo se nos referimos a que non valen de nada os ritos institucionais se non hai un traballo real de socialización das obras dos autores homenaxeados. Eu vivo nunha comarca con premios, rúas e centros de ensino dedicados a autores que teñen a súa obra esgotada ou inédita (Kenkeirades, Valenzuela, Espasandín...).

"Para defender a Filgueira Valverde  como homenaxeado no Día das Letras dísenos que non hai que fixarse na súa vida, senón na súa obra. Mais iso non se aplica no caso de Carvalho Calero."

-Comeza Luis Bará o seu artigo cunha cita de Sabino Torres: “En Pontevedra aínda hai moita xente que loitou contra Filgueira, que sabe ben quen era...”. Ti encárgaste das conclusións deste A Fondo. Para ti, quen era Filgueira?

-Non é casual neste momento a escolla de Filgueira. O pasado é invocado para xustificar o presente. Estamos asistindo á procura de escusas de todo tipo para desertar da causa do país.  O localismo, o entreguismo a forzas alleas, as rendicións e fugas que nas situacións difíciles sofre un país… explican o éxito de figuras como estas. Eu subscribo plenamente a opinión de Castelao.

Máis en Só en papel
Comentarios