PAINEL DE ANALISTAS

Oito olladas sobre os resultados do 24M

Pasou o día, pasou a romaría? Non cando a romaría vai ter consecuencias durante -mínimo- catro anos. Falamos con oito analistas -Antón Losada, Xosé Manuel Pereiro, Carlos Neira, Silvia Fraga, Antón Baamonde, María Xosé Porteiro, Aurélio Lopes, Miguel Bastos- para deitar unha ollada sobre as chaves das eleccións municipais e os seus efectos no escenario político galego e estatal. 

Elecciones 1

No #Sermos147 levamos unha dupla páxina na que plantexamos a oito analistas tres preguntas sobre as eleccións municipais que decorreron este domingo.

1) Que lectura fai dos resultados das eleccións do 24 de maio? 2) Permiten falar dun escenario novo na política galega? 3) A vista do acontecido o 24M, como se presentan as xerais deste ano e as autonómicas de 2016?

Adiantamos aquí as respostas á primeira das preguntas.

Antón Losada. Profesor de Ciencia Política

“O PP obtivo uns resultados peores dos que agardaba, resultados que nos retrotraen a aquel escenario no que perderan as cidades e pouco despois chegara o cambio de goberno, coa derrota do PP. É de destacar que unha parte do electorado do PP, que en 2009 e 2011 comprara o discurdo de Feijóo, agora non o fixo, nunha campaña na que el se implicou moi directamente”

Xosé Manuel Pereiro. Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza

“Non foi o 14 de abril de 1931, pero tampouco unhas eleccións normais, de alternancia. Entre outras cousas porque a quen lle tocaba tradicionalmente alternar bastante tiña con manter o tipo. É certo que o PP viña dun dominio inusual do mapa territorial, pero en Galicia tampouco era algo fóra do normal. E aquí, onde non houbo grandes escándalos, nin Púnica, nin Gürtel, cun Pokemon repartido, o descalabro conservador, ou en palabras da politóloga Barberá a "hostia-hostia" foi tan inesperada como absoluta. Na Coruña unha forza que xurdiu hai 1 ano, apoiada por forzas poñamos miúdas, foi quen de superar a forza no goberno apoiada polo portaavións mediático da cidade. Que Cuiña lle quitara a absoluta a Crespo en Lalín non o cría nin Cuiña, e poucos pensaban que BNG vaia substituír Issan Alnagm na alcaldía de Muras...”

Carlos Neira Cortizas. Analista e consultor

“Houbo unha mobilización diferencial. A esquerda mobilizouse, sobre todo o voto urbano e xoven; mentres que na dereita gran parte do votante cabreado, que nos preguntabamos se ía votar C's, PP ou ía ficar na casa, optou por esta última. Ademais, evidenciouse que polo mesmo espazo electoral, a esquerda galeguista, están a competir diferentes axentes”.

Silvia Fraga. Consultora

“Preséntase un escenario impredecible tanto polos partidos, como polas propias enquisas, pero non moi afastado do ruxe ruxe xeral da rúa. Non é menos certo que a dúbida de se finalmente o voto fiel, o chamado chan dos partidos, que se converteu nun subsolo, conseguiría frear o golpe aos tradicionais. Erguidos polas proclamas do "o caos ou nós", a incógnita despexouse a favor das Mareas, da ruptura co establecido, dun voto pola esperanza cidadá de facer as cousas doutro xeito. Pero iso, aínda está por demostrar..”

Antón Baamonde. Ensaísta

“En chave estatal, PP e PSOE non ficaron tan mal e Podemos e C's foilles ben, mais non tanto. Unha cousa que indican os resultados é que non hai proceso constituínte en marcha, o que tampouco é unha sorpresa. En chave galega, é de prever con estes resultados que as mareas aposten trasladar o proxecto á Xunta. O derrotado en Galiza é o PP, que sofre un desgaste enorme”.

María Xosé Porteiro. Escritora e xornalista

“Hai un claro cambio de ciclo, un cambio que non só é político senón que tamén é social, non o esquezamos. Hai unhas xeracións novas que queren tomar as rendas do futuro e asumir responsabilidades para este país, e esa é unha magnífica noticia. Isto obriga a que estruturas que respondían outras dinámicas e tempos se teñan que mover, actualizar e estar á altura”.

Aurélio Lópes. Director de Irmandade TV

“É de destacar que estamos ante o peor resultado do Partido Popular en Galiza nunhas municipais, con perda de poder en cidades, en vilas e en deputacións, un escenario que, de certo, terá consecuencias mesmo dentro desa formación. A clara emerxencia das coñecidas como 'marés' nas cidades indican que estamos perante un novo ciclo e nel van ter un papel máis que destacado. No que atinxe ao BNG, os seus resultados no panorama urbano deben levar a facerse preguntas, porque ficou nunha organización 'vilega', cun peso limitado a vilas e localidades”.

Miguel Bastos. Profesor da USC

“Foron unhas eleccións nos que houbo unha irrupción importante dos chamados partidos emerxentes e o bipartidismo perde moitos votos. Mais hai un dado que non se está a ter en conta e vai ser importante de cara as xerais, como é o sistema electoral, que vai 'castigar' esas forzas emerxentes”.

miniatura10_11

A íntegra desta dupla páxina tela ao teu dispor no Sermos Galiza nº147, xa nos pontos de venda habituais e na nosa loxa.

Máis en Só en papel
Comentarios