As municipais abren a loita polo poder político

As eleccións locais son o primeiro acto das xerais de novembro/decembro e testarán a fortaleza do bipartidismo, a consistencia das forzas emerxentes e a capacidade que ten Galiza de manter un espazo político propio

Ana Pastor, Feijóo e Rajoy, municipais2015
photo_camera Ana Pastor, Feijóo e Rajoy, nun acto en Marín. [Foto: PP]

O poder real está máis no Ibex 35 e nos consellos de administración da grande banca do que nos salóns de plenos dos concellos, mais está claro que as eleccións deste domingo 24 de maio non son uns comicios máis. Son o primeiro capítulo da loita polo poder político no Estado español, a escasos 6 meses de levar o combate eleitoral ao paroxismo das eleccións xerais, xa coa Moncloa e o control do Congreso dos Deputados en xogo. Hai moitas incógnitas por despexar e poucas certezas. O 24M, con todo, testaremos a maior ou menor resistencia do bipartidismo, a consistencia das forzas emerxentes e a capacidade que ten Galiza de manter un espazo político propio, en chave nacional galega.

2011. O PONTO DE PARTIDA.

En 2011, o Partido Popular gañou as eleccións municipais na Galiza ao totalizar 709.816 votos, o 44,84 % dos sufraxios, uns díxitos que lle permitiron facerse con 1.996 actas de concelleiras e concelleiros. A segunda praza foi para o PSdeG-PSOE, con 411.458 votos, o 25,99% e 981 concelleiras e concelleiras. O Bloque Nacionalista Galego alzouse coa condición de terceira forza. Daquela o nacionalismo galego conquistou 261.513 votos, o 16,52% dos sufraxios, para un total de 590 edís.

2015 é outro planeta a efeitos eleitorais. Vai ter moito máis que ver co precedente das europeas de maio do que coas eleccións do mesmo xénero de 2011. Os comicios ao Parlamento europeu foron, en realidade, os primeiros do mundo post-crise, en termos de desgaste para o partido no goberno. O PP gañou, mais coa pior percentaxe da súa historia na Galiza. Acumulou 354.743 votos, o 35,16% dos sufraxios. O PSdeG baixou até o 21,73%. AGE, na súa segunda comparecencia perante as urnas, foise ao 10,52%, en tanto que a estrea de Podemos perante o eleitorado galego se saldou con 84.216 votos e o 8,34% das papeletas. En quinta praza chegou o BNG, con 79.732 apoios e o 7,9% do voto.

2015. COMO ESTÁ AGORA O CENARIO.

O cenario o 24M tampouco vai ser o das europeas canto ao elenco de forzas en xogo. Vai comparecer un novo actor emerxente con opcións de entrar no reparto de concelleiras e concelleiros nas cidades, o Ciudadanos que  rexe con man de ferro desde Barcelona Albert Rivera, e Podemos e AGE non se apresentan co seu rosto propio, senón integrados nas mareas, non sen algunhas divisións internas, nomeadamente no caso de Anova, que polo medio xa viviu a escisión que deu lugar ao aparecimento de Cerna.

Todo apunta a que o bipartidismo español terá problemas para chegar a números semellantes aos das europeas (o PPSOE sumou daquela o 56,89% dos votos). O PP pode aspirar razoabelmente a se mover no 35% do voto. Todo o que fose non chegar a ese patamar sería un fracaso sen paliativos. O PSOE -máis débil aínda do que o PP na Galiza urbana, nomeadamente no eixo Santiago-A Coruña-Ferrol- ten difícil estar no teito dos comicios a Bruxelas, non só pola competencia que se lle abre a babor -coas mareas-, senón tamén a estribor -con Ciudadanos, con capacidade para discutir o eleitorado máis centrista do combo de Pedro Sánchez.

Todo apunta a que o bipartidismo español terá problemas para chegar a números semellantes aos das europeas (o PPSOE sumou daquela o 56,89% dos votos)

Mentres, o BNG veu debuxando unha liña ascendente en precampaña e campaña e mostra fortaleza nos seus feudos de goberno, con opcións mesmo de resultados históricos en  Pontevedra -ninguén discute que será primeira forza e a dúbida é se conquistará a absoluta- ou en Carballo -con algunha enquisa que até lle daría por cima do 51% dos votos. O problema do BNG localízase basicamente nas cidades, ao fragmentarse o espazo progresista e ao aparecer un fenómeno novo -as Mareas- con capacidade de penetración na freguesía nacionalista.

Pag 10-11, municipais2015Cal sería un bon resultado para o BNG? Tendo en conta que hoxe existen máis ofertas eleitorais do que en 2011, un bon resultado para o BNG sería aquel que, a nível nacional, se situase na banda entre os 180.000 e os 200.000 sufraxios, nunha percentaxe que se podería situar por volta do 12%.

Este score do BNG indicaría a súa recuperación eleitoral a respeito das europeas de 2014 e sería un balón de oxíxeno para a fronte enfrentar con certas garantías de suceso  o moi comprometedor test das eleccións xerais.

A íntegra desta reportaxe, unha dupla páxina, está ao teu dispor no número 146 do semanario Sermos Galiza, xa nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa.

Máis en Só en papel
Comentarios