Mulleres con ciencia

Esta semana o caderno A Fondo foca a ollada nas científicas e indaga nos atrancos cos que se atopan para avanzar nas súas carreiras investigadoras. Á venda na nosa loxa. 

capa

Os estereotipos, os teitos de vidro ou a invisibilización dos referentes que antecederon as científicas son algúns dos atrancos que se atopan as mulleres dedicadas ao teórico espello da obxectividade, a ciencia. 

No número 117 do caderno A Fondo, que acompaña o semanario número 161 do Sermos Galiza, falamos de experiencia, conciencia e ciencia, unha ecuación con tres variábeis que persegue a igualdade. 

Coordenado pola xornalista Iolanda Casal, o A Fondo achéganos á ciencia con perspectiva de xénero partido dunha pregunta, que atrancos atopan as mulleres para avanzar nas súas carreiras investigadoras? 

En oito páxinas tentamos debruzarnos sobre as razóns polas que embora as mulleres seren maioría nas aulas universitarias desde os anos 80, esa proporción diminúe a medida que se avanza na carreira investigadora. 

Da man de María José Souto Salorio e Ana Dorotea Torrío Tobar (UDC), Elena Vázquez Cendón, profesora do Departamento de Matemática Aplicada (USC), Edita de Lorenzo, profesora na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (UdeVigo), Iria Vázquez Silva, socióloga e investigadora na Universidade de Vigo, María A. Lires, profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais e Xabier Álvarez Lires, profesor de Psicoloxía Educativa e Evolutiva, afondamos nos estereotipos, os teitos de vidro ou a invisibilización dos referentes científicos nas mulleres. 

Recuperamos as figuras das matemáticas María Josefa Wonenburguer e Antonia Ferrín e da deseñadora do primeiro libro electrónico (1949), Ángela Ruíz

Afondamos na figura da matemática María Josefa Wonenburguer Planells, unha pioneira para moitas persoas descoñecida que como Antonia Ferrín, primeira galega en ser doutora en Matemáticas ou Ángela Ruíz Robles, deseñadora do libro electrónico en 1949, continúan a ser invisibilizadas. Contando o feito por elas, procuramos avanzar cara á unha sociedade máis xusta. 

Debullamos a desigualdade presente nas empresas, nomeadamente nas privadas, e na segregación vertical que sitúa as mulleres en postos de traballo máis inestábeis, menos e peor retribuídos e con menor recoñecemento social. Aliás, contrapomos a concepción de tecnoloxía-homes e coidados-mulleres. 

Na entrevista, conversamos con Patricia Conde, investigadora do Laboratório de Instrumentação e Física Experimental de Partículas de Lisboa, quen fixo parte do grupo de investigación que descubriu o bosón de Higgs, algo --di-- "espectacular, un soño feito realidade". 

Podes mercar o A Fondo na nosa loxa. 

Máis en Só en papel
Comentarios