venres 17.01.2020
O A FONDO DESTA SEMANA

Monte Pindo, a loita por facer do Olimpo Celta un parque natural

Logo de se cumpriren cinco anos da Asociación Monte Pindo Parque Natural poñemos o foco na súa loita para protexer, dinamizar e dignificar un enclave natural de enorme valor. Xa á venda na nosa loxa.

AFONDOA loita por facer do Monte Pindo un parque natural é, con certeza, un dos máis vizosos exemplos do activismo social que latexa en Galiza. Vertebrado arredor da conciencia ambiental, cultural e patrimonial, artellouse un inxente movemento social, de base veciñal, que ten dado a batalla durante un lustro por protexer o Olimpo Celta.

O A Fondo desta semana pousa a vista na súa loita. O caderno, baixo coordenación de Mario Maceiras, fai un repaso do que foron este cinco anos de iniciativas, accións e protestos. Unha cronoloxía que visa o alcance do traballo feito, mais que desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural apenas ollan para colleren impulso e seguir adiante.

A súa loita transcendeu os límites comarcais e acabou asumida como causa nacional. Porén, todo ese movemento non sería posíbel sen unha profunda raiceira social nas entrañas mesmas do territorio que abriga ao Monte Pindo. Mostra diso é o firme compromiso do novo Alcalde de Carnota, Ramón Noceda (BNG), quen na súa entrevista carga contra a responsabilidade da Xunta de Galiza por lles negar á bisbarra “a posibilidade de saír do esquecemento”. Contrariamente ao discurso sistémico, as xentes que habitan na contorna do Monte Pindo acreditan en que a súa maior protección non será un motivo de atraso, senón motor de progreso. O parque natural que demandan non será un atranco, nin un límite, senón unha poderosa oportunidade para o seu desenvolvemento.

Idea que responde ao enorme valor ambiental, patrimonial e cultural do Monte Pindo. Valor, sobre o que reparan e describen ,expertos como o xeólogo Xosé Ramón Vidal  Romaní, o biólogo Serafín González Prieto, o profesor de botánica Javier Vázquez Amigo, o escritor Xosé Fernández Naval ou o xornalista Manuel Gago. Para alén da evidente riqueza natural e paisaxística, Fernández Naval e Gago reivindican outras facianas, inmateriais se se quixer, que valorizan o Monte Pindo. O escritor referindo o valor indentitario do Olimpo Celta como “paisaxe simbólica de Galiza”, e o xornalista conceptuándoo como “marco na memoria da nación”.

Datos, historias, imaxes e descricións arredor dun macizo de 350 millóns de anos de idade, que cos seus apenas 627 metros de altitude, acaba por erguerse como un risco senlleiro da nosa paisaxe. Como un emblema da natureza viva sob a que existimos.

comentarios