NESTE A FONDO

Os mitos da Cultura da Autonomía

No A Fondo desta semana (xa na nosa loxa), analizamos os mitos, as voces á marxe e os conflitos ausentes no relato da "cultura da autonomía" construído ao longo destas tres décadas.

capa

Todo réxime necesita construír un relato hexemónico co que determinar aquilo que ha ser considerado politicamente correcto e as voces que han quedar á marxe. Así  aconteceu co sistema político nacido no 78 e así aconteceu tamén en Galiza coa autonomía, tal e como se analiza no caderno de análise desta semana.  Hai un tempo que, no ámbito estatal, se pon en cuestión a chamada "cultura da transición". Neste A Fondo, coordenado polo politólogo Daniel R. Cao, construímos un relato propio e crítico ao redor da "cultura da autonomía".

Colaboran neste A Fondo o escritor Daniel Salgado, o xornalista  Aurélio Lopes, a ensaísta Helena Miguélez e o profesor e editor Isaac Lourido. Manuel Bragado, responsábel da editorial Xerais e presidente do Culturgal, a feira das industrias culturais galegas, é a persoa entrevistada desta vez para o caderno de análise.

"Construír un novo relato de país pasa irremediabelmente por descontruír o anterior, e o anterior, o relatado nestas liñas, avanza paralelo ao relato da Transición: o dunha decrepitude lenta e dolorosa", expón Daniel R. Cao no seu artigo. O autor analiza como, por tras do discurso de exitosas series da TVG, están ausentes conflitos sociais de fondo como a loita de clases ou o conflito lingüístico.

"A derrota do movemento obreiro e a aniquilación industrial e laboral de Galiza apenas deixaron rastro literario", afirma Daniel Salgado.

Conflitos sen relato

Mais non só o conflito está ausente no relato audiovisual da CRTVG. O escritor Daniel Salgado toma como exemplo a produción literaria. "A derrota do movemento obreiro e a aniquilación industrial e laboral de Galiza apenas deixaron rastro literario ─Sector Naval, dos Resentidos─, e esta circunstancia ilustra a magnitude da derrota", afirma. Ao redor da cultura hexemónica pronúnciase tamén Isaac Lourido: "É no modelo de cultura hegemónico onde podemos perceber os efeitos de normalizaçom. Um modelo que santifica o vínculo língua-cultura, que incorpora só de forma errática a cultura de massas".

Helena Miguélez analiza o estereotipo da Galiza sentimental no seu artigo para este A Fondo. "Alimentado no terreo das relacións entre Galiza e España a respecto do conflito nacional ─expón Miguélez─ o estereotipo da Galiza sentimental (isto é, a circulación constante da imaxe dunha Galiza lírica, ahistórica, pasiva, doce, feminina) serviu tamén para alimentar a cultura española do consenso no noso territorio".

Con peso político propio

"Fomos e somos absolutamente dependentes do proceso de normalización lingüística", afirma Manuel Bragado cando se lle pregunta polas lagoas e os erros nos que caeu o sector editorial no período autonómico.

Aurélio Lopes, pola súa banda, remóntase ás orixes dun sistema autonómico comandado en Galiza por partidos foráneos, ao contrario que en Euskadi ou Catalunya, para facer unha proposta de cara ao presente: "O reto para as forzas políticas autóctonas é de vello: sermos capaces de presentarnos con forza e peso político autóctono no marco dun debate político, social e territorial que acaba de comezar".

"Fomos e somos absolutamente dependentes do proceso de normalización lingüística", afirma Manuel Bragado cando se lle pregunta polas lagoas e os erros nos que caeu o sector editorial no período autonómico. Para Bragado, a autonomía e a incorporación do galego ás institucións e o sistema educativo foi fundamental para o sector editorial e outras expresións artísticas en galego. A crítica céntraa nas formas nas que se exerceu o poder dende o goberno autonómico.

"Estas liñas ─afirma o coordenador deste A Fondo a modo de conclusión─ teñen tamén un obxectivo oculto: servir para a construción dun novo relato". Un relato propio ao redor da ruptura co réxime do 78.

Máis en Só en papel
Comentarios