#Sermos151: sombras de ‘tamayazo’ na Deputación de Lugo

Un semanario que vai a 48 páxinas e inclúe a segunda entrega do suplemento ‘Sermos Adega’. Xa á venda na nosa loxa. 

unnamed
photo_camera unnamed

Bastaron 57 minutos e dúas votacións para que o PP volvese á presidencia da Deputación de Lugo, logro posíbel grazas a Manuel Martínez, deputado do PSdeG e alcalde imputado de Becerreá, que optou por entregar en bandexa a entidade aos populares a través dun voto a si propio e outro en branco. O PSOE decidiu afastalo -por estar imputado- da candidatura á presidencia provincial e permitir así un acordo co BNG. E Martínez vingouse co seu voto. Un tema do que falamos neste semanario, mais non o único.

En ‘A asfixia premeditada da universidade galega’ contamos como os recortes aplicados pola Xunta durante estes anos nun xa de por si precario financiamento do sistema universitario sitúana á beira da insustentabilidade. Un artigo de Alba Nogueira, profesora da USC, completa a reportaxe.

Pedro Sánchez exhibe unha bandeira que evoca a aznariana da Praza Colón mentres Pablo Iglesias comparece cun logo da España da cidadanía que unifica todos os territorios do Estado. Tratámolo en ‘Quen é máis español na esquerda estatal?’

"Temos os nosos símbolos, non nos agochamos detrás doutros"

Entrevistamos Leticia Santos. É a primeira alcaldesa da historia de Moaña. As súas primeiras medidas “garantir que as crianzas en risco de exclusión” poidan gozar dun verán en “igualdade de condición” e pular por “servizos sociais” que abran o “camiño” para saír do empobrecemento a moitas familias. “Fronte á caridade, garantir a oportunidade”, defende. Mais os medios preferiron destacar que retirara bandeira española e retrato de Felipe VI do despaxho.

‘O conflito eólico, unha cuestión de modelo’. O Tribunal Supremo ratificou a sentenza ditada en 2012 polo Superior de Xustiza de Galiza ao desestimar o recurso de casación interposto polo goberno de Alberto Núñez Feijóo a respeito do concurso eólico. A máxima instancia confirma no fallo a ilegalidade da suspensión do procedemento de instalación de parques eólicos e reafirma a desviación de poder cometida pola Xunta ao empregar para “un fin distinto” a paralización do proceso.

‘Cando os pobres odian os pobres’. Unha reportaxe a dupla páxina. Unha mirada, un simple aceno, son suficientes para denotar un fenómeno crecente. A aporofobia, o rexeitamente ao pobre, tendeu cara á normalización no imaxinario colectivo, alimentado de prexuízos e desinterese. E son as persoas máis desamparadas, aquelas que carecen dun fogar, as vítimas máis vulnerábeis de ese odio que gangrena a nosa sociedade.

E en ‘Syriza contra Syriza e a chantaxe da 'Troika'. O goberno de Atenas sobrepasou as súas propias liñas vermellas no pre-acordo coas institucións para prorrogar o rescate. Ranxe a coligazón de Tsipras, co sector esquerdista anunciando que non apoiará este acordo, froito da "chantaxe" da Troika.

‘É rendíbel o fútbol profesional?’ Unha panorámica superficial sobre o fútbol profesional europeo permite albiscar un futuro complicado para moitos dos clubes que, empurrados por unhas competicións cada vez máis esixentes, se atopan neste momento nunha encrucillada económica de difícil saída, o que ten levado ao pozo entidades senlleiras como o Parma, que, consumado o descenso do calcio italiano, terá que se recompoñer nas categorías de modestos.

Entrevistamos Uxía e Narf, que veñen de colaborar no proxecto ‘Bañladas na Galiza imaxinaria’. “A nosa música pode seducir o público máis alá das nosas fronteiras”.

En Viaxes na Miña Terra imos até a rapa das bestas de Sabucedo co colectivo Xea. E na contra-capa, a ‘flotilla’ da liberdade.

Máis en Só en papel
Comentarios