A Garda Civil négase a atender unha consulta por ser en galego

Un veciño de Gondomar, Xosé Luís A., viu como en reiteradas ocasións lle ordenaban falar en español e non en galego para que a súa solicitude fose atendida polo instituto armado. Negouse a cambiar de idioma e a petición ficou sen cursar.

Guardia Cicil-Vox populi

Xosé Luís Alborés, veciño de Gondomar, decidiu chamar ao Cuartel da Garda Civil para se interesar se era ou non conveniente cursar unha denuncia contra un veciño, "con antecedentes penais", que o ameazara con bater cunha pedra. "Quería facer unha consulta", explica este mozo. Mais o que non agardaba Xosé Luís é que unha simple chamada telefónica puidese derivar nun 'calvario' polo simples feito de empregar o idioma galego.

"Foi comezar a expoñer o meu caso", lembra Alborés en conversa con Sermos Galiza, " e o axente mandarme que falase español, a continuación mandarme que non falase galego e, a seguir, que, por favor, lle falase en español". Todo na mesma conversa. "Dúas ordes e unha petición", como explica o afectado. Lonxe de ceder, e segundo el mesmo explica, optou por colgar o teléfono e personarse no Cuartel da Garda Civil. Mais en persoa a actitude foi a mesma que por teléfono. "Tanto o comandante como a persoa que me atendeu insistían en que debía dirixirme a eles e facer a solicitude en español".

Algo que lle reiteraron en varias ocasións. Mesmo lle indicaron que, se quería que a denuncia ou petición fose atendida en galego, se dirixise á Policía Local de Gondomar. Para a Mesa pola Normalización Lingüística, "o feito de non ser atendida a denuncia polo feito de se expresar no seu idioma supón un grave prexuízo e unha inadmisíbel discriminación para este cidadán". Alborés, ante a actitude mantida polos garda civís, exixiu a folla de reclamacións. Mentres a cumprimentaba, lembra, "as caras deles eran desas de 'Ti, rapaz, non sabes onde te estás metendo".

Garda

O artigo completo, neste nº162 do Sermos Galiza, disponíbel nos pontos de venda habituais e na nosa loxa

Máis en Só en papel
Comentarios