sábado 26/09/20
A FONDO DESTA SEMANA

A Galiza verde: situación dos nosos bosques e montes

O A Fondo desta semana percorre as case 2 millóns de hectáreas do territorio galego que representa a superficie forestal. Xa dispoñíbel na nosa loxa.

afondo
afondo

Dous planos, mais un mesmo tema. O A Fondo desta semana aborda a realidade do monte e dos bosques galegos. Ou o que é o mesmo, radiografía a situación da Galiza verde. O caderno coordenado por Fins Eirexas, secretario executivo de Adega, recolle a achega de sete voces autorizadas polo seu coñecemento e experiencia directa, cada a do propio Eirexas. 

Unha ollada transversal que percorre desde a evolución histórica do noso territorio forestal, referindo cales foron as causas e decisións que explican a súa situación actual, até a formulación de alternativas en chave de futuro. O asesor técnico forestal, Xosé Antonio Meixide debulla precisamente as transformacións do noso monte e a evolución dunha política forestal errática. No seu texto pon o foco en como a reforestación de amplas extensións do noso territorio con especies foráneas, como piñeiros e eucaliptos, respondía a un deseño político do franquismo no que Galiza debía fornecer de materia prima madereira a industria papeleira española. A mesma política que impuxo a implantación da celulosa de Ence en Pontevedra entre os anos 50 e 60 do pasado século. O repaso de Meixide non é gratuíto. “Non podemos falar dos incendios en Galiza se non analizamos previamente a evolución do monte galego” explica.

A estreita relación entre o noso monte e o agro fica reflectida en varias dos artigos. A técnica forestal Mariam Ferreira Golpe explica como a expulsión das actividades agrarias que se desenvolvían no monte, en favor da industria madeireira, é un dos factores que explica a situación actual do monte galego. “Hoxe conviven montes un uso máis ou menos racional (os menos), outros nun estado de subexplotación e outros en situación de abandono” sinala. E todo malia a enorme capacidade produtiva do noso monte. 

Unha das decisións máis controvertidas na xestión forestal fóra a expropiación dos montes veciñais en man común, durante a Ditadura. Unha figura, a da propiedade mancomunada do monte, que hoxe continúa ameazada en opinión do Presidente da organización que aglutina as comunidades de montes veciñais galegos. Xosé Alfredo Pereira explica nas páxinas do A Fondo as orixes desta forma de propiedade comunitaria, mais non aforra críticas cara as políticas do Partido Popular, das que coida perseguen acabar co monte comunal para llo entregar a especuladores.

E como protexer os nosos bosques e dinamizar os nosos montes? A esa cuestión son variadas as respostas que se dan a coñecer no caderno. Unha delas é a do silvopastoreo. Unha fórmula que en opinión de Eloi Villada, Presidente da Sociedade galega de pastos e forraxes, “permite a transformación da vexetación espontánea (combustible) e produtos valorizables, que poden e deberían ser o punto de partida doutras iniciativas agroalimentarias”. A experta Ana I. García Arias, da Escola Politécnica Superior da USC, aprofunda nesta cuestión cun completísimo artigo no que aborda as diferentes opcións para tirar rendementos do noso monte. “O monte debe ser utilizado e debe reverter na riqueza do país” defende. 

Ao ser preguntado sobre a compatibilidade dun aproveitamento sustentábel do monte e a súa protección ambiental, Fis Eirexas amósase seguro de que si. “Non so é compatíbel, senón que debe ser impresicndíbel”. “Entendo que o principal activo para defender o noso bosque autóctono somos as persoas, en particular as que viven ao carón do monte, dos nosos soutos e carballeiras. Sen xente que desenvolver proxectos vitais no mundo rural, só queda o abandono e despois, o lume os eucaliptos”.

Se son moitas as críticas e as denuncias o caderno conclúe cunha idea que fica presente, dunha ou doutra maneira, en todas as colaboracións. Que o noso monte ten arranxo. Que cabe solución e hai alternativas. Así o defende Adela Figueroa, vogal de Adega, que fai un apelo a “crer no nosso futuro em quanto trabalhamos por ele”.

comentarios