DANIEL R. CAO, COORDENADOR DO A FONDO DESTA SEMANA

"Galiza debería ter un relato propio sobre a ruptura do réxime do 78"

Estendeuse no estado o concepto "cultura da transición", mais en Galiza falta un relato propio, que incorporamos no A Fondo facendo crítica  da "cultura da autonomía". O caderno de análise estará na rúa, canda o Sermos número 149, a quinta feira 11 de xuño.

daniel r cao 350

A Cultura da Transición fai referencia a ese relato do politicamente correcto que afianzou o réxime saído do 78 e que callou nunha cultura consensuada, vertical e coa ollada crítica desactivada. En Galiza, a "cultura da autonomía" fai referencia a todas ese imaxinario cultural que baleirou de contido o feito diferencial e varreu baixo a alfombra toda sombra de conflito, dende a loita de clases até o conflito lingüístico. Así se aborda neste A Fondo coordenado polo politólogo Daniel R. Cao.

-Cal consideras que é a pertinencia de abordar neste momento a "cultura da autonomía"?

-Non só os últimos resultados electorais senón moitos máis indicadores amosan que o réxime do 78 está en clara decrepitude.  Non uso réxime nun sentido pexorativo no sentido do conxunto de institucións e de cultura política que están estabelecidas nun periodo desterminado, neste caso no estado español. Non se está a falar de como este réxime se foi abrindo camiño nos distintos territorios que compoñen o estado español. No caso galego, facemos unha lectura autóctona e propia empregando o concepto "cultura da autonomía". A día de hoxe é importante termos un relato propio.

-Tamén se pode empregar o concepto "cultura da autonomía" para a análise do caso catalán ou vasco?

-Non, ao contrario. No caso galego, cóllese o factor diferencial para baleiralo de contido e porén, en Cataluña e País Vasco, utilízase como unha arma política. A cuestión territorial foi utilizada polas elites políticas catalás ou vascas para ter un lugar no novo escenario que se estaba debullando no estado español. No caso galego, o que se fixo foi enterrala e non darlle centralidade política.

"As representacións do sistema cultural continúan a afianzar o factor diferencial como algo agochado e ausente de conflicto."

-Como definirías o concepto de cultura de autonomía?

-A cultura da autonomía, ao igual que calquera cultura política, ten moitas representacións. Ten unha representación legal, política e tamén dende o sistema cultural. Galiza está presente en teleseries, en películas, no sistema literario... As representacións que, sobre Galiza, se dan dentro do noso sistema cultural, son representacións están deseñadas e dan unha imaxe de Galiza tendentes a afianzar o que chamamos cultura da autonomía. As representacións do sistema cultural continúan a afianzar o factor diferencial como algo agochado e ausente do conflicto.

-Que tipo de conflitos non están presentes nas representacións culturais?

-Helena Miguélez, que escribe para este A Fondo, analiza como as representacións de Galiza na literatura están destinadas a baleiras de contido político e caricaturizar o factor diferencial. Daniel Salgado apunta no seu artigo que este factor diferencial utilizouse para a mansedume do sistema cultural fronte ao contexto político en que se enmarca. Eu falo dun sistema cultural que reflicte un país sen conflito no que semella que nunca ocorre nada.

-En que medida a loita de clases ou o conflito lingüístico están ausentes desas representacións da cultura da autonomía?

-Eu creo que Galiza vive o mesmo conflito que calquera outra sociedade capitalista de Europa occidental sumado ao factor diferencial. E nas representacións culturais, todos eles están ausentes, por exemplo, en series da TVG ou do Grupo Voz. Como é posíbel que en "Pratos combinados", a historia dun bar de emigrantes retornados nun barrio aparentemente urbano, non exista conflito lingüísticos e de clases? Como é posíbel que nas representacións do rural sempre sexa retratado como salvagarda das esencias do país, como unha sociedade máis, cando na configuración do país están marxinados a moitos niveis? O mesmo ocorre con "Matalobos".  Galiza non é agora nin foi nos anos 90 un país de narcos, xuíces e policías que os perseguían, senón que había unha problemática concreta que afectaba a moitos aspectos do país, en concreto á clase política e a unha sociedade que non soubo reaccionar.

"Galiza vive o mesmo conflito que calquera outra sociedade capitalista de Europa occidental sumado ao factor diferencial. E nas representacións culturais, todos eles están ausentes, por exemplo, en series da TVG ou do Grupo Voz."

-Poderíase aplicar o mesmo ao ámbito literario ou a outras manifestacions da cultura?

-Helena Miguélez amosa que iso é así. Cando falamos de cultura da autonomía falamos dun sistema cultural completo e de toda as manifestacións e expresións artísticas que o compoñen.

-Hoxe en día está habendo unha ruptura con esa cultura da autonomía?

-Para nada.

-Pero si hai fírgoas. Si comeza a haber pensamento crítico ao respecto…

-Penso que hai que miralo en dous planos. A cultura da autonomía, o mesmo que o réxime do 78, québrase porque as súas bases nunca foron sólidas, non porque o  empurraran. Eu non teño claro que a cultura da autonomía tivera aínda o seu 15M. Non creo que estea a caer porque alguén o empurre senón porque é feble. Si que é certo que comeza a haber pequenos cambios e iniciativas, mais aínda son aínda tímidas e, por desgraza, minoritarias. Na cidade de Madrid, con problemáticas propias de clase, de composición étnica, xorde unha editorial como Traficantes de Sueños, que centra boa parte da súa liña editorial nos conflitos urbanos propios de Madrid. Temos en Galiza algo semellante?

-Que persoas van colaborar neste A Fondo e que temas van tratar?

-No meu artigo, fago unha análise e unha chamada a pensar sobre algo que me preocupa. Coido que Galiza debería ter un relato propio sobre a ruptura do réxime do 78. Sento as bases e os parámetros sobre os que pensar ese relato. Daniel Salgado, militante e poeta, amósanos un país complexo e fala dun sistema cultural acomodado que necesita unha crítica. Isaac Lourido é crítico cultural, persoa de pensamento radical, que ten unha editorial, Estaleiro, que é unha das liñas de fenda no sistema cultural galego. Helena Miguélez fala dende a Academia, o que é moi interesante porque penso que temos unha academia igual adormilada ante a situación que vivimos. Aurélio Lopes centrarase no ámbito institucional.

Máis en Só en papel
Comentarios