NESTE A FONDO

A forza das bandas populares

As bandas de música populares fan de Galiza toda unha potencia musical. A elas vai destinado este A Fondo, coordenado por Lucía Carreira. Podes facerte con el na nosa loxa. 

CAPA 350

Son 6.000 as persoas e ao redor de 90 as entidades adheridas á Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP). Galiza destaca a nivel estatal, superada só por Valencia, pola importancia do seu movemento bandístico. A el vai dedicado o A Fondo, coordenado por Lucía Carreira, a presidenta da asociación cultural e musical Solfa.

"As bandas foron as verdadeiras escolas de música do país", afirma Xosé Carlos Seráns, director da Banda Sinfónica da FGBMP para este A Fondo. Subliña, na conversa, a importancia destas entidades á hora de popularizar determinado tipo de música considerada selecta. A música de banda conta cunha tradición en Galiza, destaca, superada só pol@s gaiteir@s.

O caderno de análise de Sermos Galiza contrasta a calidade musical das bandas galegas co escaso apoio que reciben por parte da Administración galega e a falta de políticas definidas para o seu sostemento. "Evidenciase o escaso apoio institucional que teñen as bandas de música e o difícil que lles resulta a súa supervivencia", afirma Carreira.

Exportadoras de músic@s

"O caderno de análise de Sermos Galiza contrasta a calidade musical das bandas galegas co escaso apoio que reciben por parte da Administración galega."

Da calidade das bandas da conta os seus bos resultados en certames internacionais e o feito de intérpretes nelas formad@s hoxe en día toquen en recoñecidas formacións  alén o país. Así o recoñece, no seu artigo, o músico Manuel Paino: "Son moitos os exemplos de persoas formadas nas bandas galegas que hoxe están a formar parte das mellores orquestras clásicas de Europa ou que son referentes do jazz ibérico e europeu".

A Fondo fai repaso, polo miúdo, das problemáticas que afectan ás bandas, dende as dificultades económicas, que repercuten no traballo en precario e mesmo á economía somerxida, até a súa españolización. Son escasas as creacións galegas que as bandas incorporan ao seu repertorio. "Ningunha banda ou moi poucas consideran o comprar música galego. Os compositores galegos teñen moitos problemas para que se compre a súa música", explica Xosé Carlos Seráns.

Este A Fondo conta, ademais, con colaboracións de Armando Morales Blanco, presidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares, e de José Manuel Fariña Jamardo, presidente da Banda de música de Valga. "Se repartiramos entre as bandas os 300.000 euros que vén de cobrar Enrique Iglesias, para que participasen en eventos, multiplicariamos os beneficios simplemente por investir no noso", destaca Fariña.

Máis en Só en papel
Comentarios