MANUEL BRAGADO, EDITOR DE XERAIS E PRESIDENTE DE CULTURGAL

"Fomos e somos dependentes do proceso de normalización lingüística"

Dise da cultura da autonomía que baleirou de contido o feito diferencial e esqueceu os conflitos de clase.  Falamos con Manuel Bragado.

bragado

-A cultura da autonomía nace do concepto de cultura da transición, entendendo como tal unha cultura consensuada, vertical, comandada en boa medida polos gobernos, que desactiva a cultura crítica. Concordas con esa análise?

-Para a cultura galega a autonomía foi determinante, especialmente polo recoñecemento por vez primeira ao longo da nosa historia da nosa lingua e a súa incorporación ao sistema educativo e aos usos públicos, polo que supuxo a Lei de normalización lingüística e os primeiros acordos amplos ao redor dun estatus para a lingua galega. Foi un factor decisivo para o desenvolvemento do sector editorial e contribuíu ao desenvolvemento doutras expresións da creación e das artes. A crítica ten que ver máis  coas formas de exercicio do poder e do goberno da autonomía, co cientelismo,  que con ese outro proceso de recoñecemento institucional da lingua, que entendo como unha conquista, e da nosa cultura.

-Cales dirías que foron as lagoas, os erros, nos que caeu o sector editorial no período autonómico?

-Fomos e somos absolutamente dependentes do proceso de normalización lingüística, no que se produciron avances moi importantes dende 1983 a 2004, cando se aproba o Plan de Normalización Lingüística, e se deu un rapidísimo retroceso co goberno do presidente Feijóo.  Desapareceron moitas das axudas e dos incentivos nestes novos anos escuros e o sector empezou a sentir os efectos de forma moi preocupante.

-Rexina Vega era especialmente crítica con Galaxia e Xerais nunha entrevista recente, ás  que cualificou como "mandaríns da literatura galega" nas redes sociais. De onde coidas que parte esta crítica? 

-Non vou facer unha valoración desa entrevista porque non me corresponde. Entendo esas palabras como síntoma dun malestar nun sistema que non se configurou como tal. O sistema editorial centrouse moito no educativo no seu desenvolvemento. O sistema literario ten un peso moi escaso no conxunto do que se edita, e probabelmente esas palabras expresaban un malestar por ese feito.

A íntegra desta entrevista tela ao teu dispor no suplemento A Fondo, no número 149 de Sermos Galiza, disponíbel nos pontos de venda habituais e na nosa loxa.

Máis en Só en papel
Só en papel
Máis un número do Sermos Galiza saído do forno. Falamos das persoas sen fogar no noso país, entrevistamos Francisco…
Só en papel
Máis un novo número saído do prelo. Falamos das perto de 7.100 persoas que contan en Galiza cun patrimonio superior aos 700 mil…
comentarios