NO CADERNO DE VERÁN

Á espreita nas rodaxes estivais

As rodaxes son para o verán, sobre todo en Galiza onde a meteoroloxía non acompaña o resto do ano. O Caderno de Verán descóbrenos as películas que se están a gravar. Disponíbel aquí.

ignacio vilar na rapa das bestas 380
photo_camera Ignacio Vilar rodando na rapa das bestas

Dende Ignacio Vilar, que vén de comezar con Sicixia, até Manane Rodríguez, Alberto Gracia ou Cristóbal Arteaga, fisgamos no que varias e varios directores de cinema están a gravar esta tempada no país. "Se rodei Pradolongo en Valdeorras é polo sotaque que hai en Valdeorras. N´A Esmorga era fundamental captar esa luz que hai en Ourense ─explica para o Caderno de Verán Ignacio Vilar─ Guionistas e directores seguimos o que nos marca o lugar. As historias chegan así máis ao espectador porque teñen máis verdade".

Incluímos neste número a segunda entrega de Marica Campo na serie inédita que está a elaborar para o Caderno de Verán, de nome Traballo de Campo. O relato de Pepe de Pura aplicará o dobre sentido ao título "De catro a catro", de Manuel Antonio, para este novo episodio homoerótico. A poeta Marta da Costa dános a coñecer o segundo poema dos nove que compoñen o libro Des-tecer, que publica nas nosas páxinas estas semanas de canícula.

"Xurxo Souto dedícalle a súa sección "Océano para Terrícolas" a Amberes, o ʻAntuerpeʼ dos nosos mariñeiros e da canción dos Diplomáticos de Montealto"

Xurxo Souto volve a dar mostra do seu inmenso coñecemento das historias mariñeiras, compiladas ao longo de anos de pescuda, na súa sección "Océano para Terrícolas". Nesta ocasión recalará en Amberes, o ʻAntuerpeʼ dos nosos mariñeiros, lugar mítico tamén nalgunha das obras de referencia da nosa historia literaria.

Entrevista a The Tetas Van

O grupo ourensán The Tetas Van é o protagonista, esta semana, da nosa páxina musical. Na entrevista para o Caderno de Verán, este grupo de mulleres, feministas, rockeiras e reivindicativas, amosan que o compromiso non está reñido co humor: "A veces pensamos en soltar unha boa a próxima vez que nos pregunten en directo. Por exemplo, dicir que nos chamamos así porque The Clitoris Van nos parecía un pouco agresivo ou que, como todas somos mulleres, The Pollas Van non nos viña vén como nome", di entre risos a saxofonista, Irene Somoza. Avanzamos, nesta sección, os festivais dos próximos días. Nos festivais, precisamente, fixa o xornalista Xesús Piñeiro a súa ollada retranqueira na súa columna semanal para o Caderno.

O noso recuncho de verán está, nesta ocasión, en Guitiriz, a terra natal de Lucía Bayo, que nos escribe sobre as paisaxes, as lendas e as paraxes da súa aldea natal. Porque, como manifesta a xornalista no seu relato para a contracapa do noso suplemento estival, "os recunchos do verán son para descansar e desconectar. Que mellor maneira de facelo que volvendo a onde unha pertence. A onde máis cómoda e segura se está, aínda que sempre se perciba unha presenza estraña no aire…".

Máis en Só en papel
Comentarios