#sermos154: o sector lácteo en pé de guerra

As milicias galegas na Guerra Civil, a situación en Grecia, entrevistamos Héctor López (@cascarelo) e Davide Salvado, falamos da candidatura galega ás xerais... todo isto e moito máis, neste número. Disponíbel aquí.

unnamed

Unha crise que non sabemos cando comezou nen se rematará algún día. Este é o contexto que atinxe o sector do leite na Galiza desde hai anos, mesmo décadas. As razóns son múltiples e estruturais. Falamos disto na reportaxe a dupla páxina 'Chove sobre mollado no sector lácteo galego'. “Se isto continúa así imos ter desafiuzamentos finos” mais non só das moradas, “falamos da hipoteca dos medios de vida, os medios de produción”, di o alcalde de Boimorto, Xosé Luis Rivas, 'Mini'.

'As Milicias Galegas, avanzando en dirección a Galiza' é unha reportaxe que parte de constatar que as milicias galegas xorden dunha decisión política do Partido Galeguista. "Explícannos as Milicias Galegas como unha unidade militar impulsada e dirixida polo Partido Comunista de España, cuxa creación responde á mesma formulación doutros corpos do exército republicano e que ven a ser unha anomalía da resposta de Galiza ao fascismo como consecuencia da politización dos galegos e das galegas emigradas en Madrid en contacto co ambiente social e político da capital da metrópole. Abonda un repaso a prensa do momento como ás testemuñas dos protagonistas do suceso para caer na conta da falsidade", escribe Cilia Torna.

"Ao goberno sáelle máis barata a Lei Mordaza que comprar pelotas de goma"

Neste número Grecia volve ser unha das cuestións a tratar. Facémolo en 'A capitulación de Tsipras fai estoupar Syriza' e no artigo de C. Lapavitsas, "Grecia e a necesidade de saír do euro"

Entrevistamos o avogado Héctor López (@cascarelo) ao fío da aprobación da coñecida como 'Lei Mordaza'. Unha norma, afirtma, que "non naceu para garantir a seguridade cidadá, senón para garantir a tranquilidade do Goberno diante de dereitos que son constitucionais, como o dereito á folga, á manifestación ou á liberdade de expresión. É, en definitiva, unha lei de represión do dereito á protesta".

En 'Nova, e última, etapa para as deputacións':  PSdeG e BNG asinaron un acordo-marco para as entidades provinciais que servirá de base para un novo ciclo diferente en contido e forma á xestionada polo PP. Unha proposta que é tamén un primeiro paso para a súa desaparición na Galiza.

As diferentes posturas e criterios dos diversos axentes políticos sobre como concorrer ás xerais xa están sobre a mesa, quer a través de comunicados, manifestos ou declaracións. Fica por ver se calla a vontade de ensamblar e acordar. E hai visións para todos os gostos. Falamos disto en 'Conta atrás para a cristalización dunha candidatura galega'.

Plataforma Anti-Hipoteca

Entrevistamos Plataforma Anti-Hipoteca (PAH) Vigo-Tui-Baixo Miño-Redondela. Son máis dunha vintena de persoas repartidas entre diferentes puntos da provincia de Pontevedra, que suman decenas de afectadas e activistas desde 2009. Hoxe teñen até 300 casos sobre a mesa. Familias desesperadas que afrontan a perda da súa vivenda. "O alcalde de Vigo di que non existimos cando o propio Concello nos deriva os casos de despexos".

'Acordo histórico das forzas políticas arredor do galego' Aos pés da estatua de Rosalía na Ferradura compostelán, no día no que se cumpría o 130 aniversario da súa morte, asinouse esta cuarta feira 15 de xullo a histórica “Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega”, promovida pola Mesa e rubricada case pola totalidade das forzas políticas galegas.

En 'Viaxes na Miña Tera' imos até o Castelo de Soutomaior, arquitectura e natureza. E entrevistamos Davide Salvado, que o 25 de xullo presentará o seu novo traballo, Lobos, no Calgary Folk Music Festival (Canadá), un fito que a Davide Salvado lle chega logo de ser a única proposta galega na sección oficial de Womex. 

E na contra-capa, Pistolada de saída á tempada .

Máis en Só en papel
Comentarios