Dar a cara polo galego

Cada vez é maior o número de persoas que, conscientes da exclusión do idioma, tiran de valentía e fan públicos casos de discriminación lingüísticas

DSC_0520
photo_camera DSC_0520

Belén Tajes (Buenos Aires, 1985) é filla e neta da emigración e vén de se converter na última  icona en defensa do galego. Esta profesora de música, que desde os 6 anos vive en Oleiros, deu a cara á hora de denunciar que a empresa na que traballa, Jungle World, un espazo infantil de ensino non regulado situado na Coruña, impide empregar o galego nas actividades coas crianzas. O de Belén é só un de tantos casos de persoas que dan o paso de facer pública a discriminación lingüística. “Animo todas as persoas que sofren casos coma o meu a facelos públicos e a loitar contra os prexuízos asociados á lingua galega. Se non se denuncia, non hai xeito de avanzar”, sinala Belén, que indica que “é un deber denunciar todos os tipos de violencia, tamén esta, malia as consecuencias que se poidan derivar”. “Realmente, non temo que a empresa me despida. O galego é a lingua dos nosos avós e iso ten que estar por riba do que sexa”, salienta. Cóntanos que a nivel social facer público o seu caso traduciuse nun aluvión de apoios, “e non só de xente que fala galego, tamén de persoas que falan español e mesmo de xente de fóra de Galiza”.

“Si quieres algo te vienes por la comisaría y se lo intentas contar a alguien que te entienda”, respondeulle un policía nacional a un veciño de Ferrol

Como Belén, Xosé Luís Alborés, veciño de Gondomar, fixo pública a discriminación que sufriu ao poñerse en contacto coa Garda Civil da súa vila e, posteriormente, na comisaría da policía local, onde tamén foi reprimido por se expresar en galego. Algo semellante lle aconteceu a un veciño de Ferrol ao chamar a policía nacional, “si quieres algo te vienes por la comisaría y se lo intentas contar a alguien que te entienda”, respondéronlle. Deste xeito, un policía negouse a atender unha denuncia por falar a persoa afectada en galego.

Tamén deu a cara a nai da crianza discriminada no centro hípico de Casas Novas, en Arteixo, por falar o idioma. A humillación que sentiu esta rapaza de dez anos foi tal que quixo abandonar o campamento de verán malia o moito que gostaba dos cabalos. En resposta á reacción social de apoio que espertou o seu caso, a nena escribiu unha carta na que expresaba o seu desexo de que ninguén sufrise o que ela padeceu, “grazas a vós síntome máis acompañada. Pero quero que saibades que o meu propósito é que non llo fagan a outra persoa”.

A reportaxe íntegra, unha dupla páxina, tela ao teu dispor no número 168 do semanario en papel. Podes facerte con el nos pontos de venda habituais e na nosa loxa

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Máis en Só en papel
Só en papel
Máis un número do Sermos Galiza saído do forno. Falamos das persoas sen fogar no noso país, entrevistamos Francisco…
Só en papel
Máis un novo número saído do prelo. Falamos das perto de 7.100 persoas que contan en Galiza cun patrimonio superior aos 700 mil…
comentarios