ÁNXELA LEMA, COORDENADORA DO AFONDO DESTA SEMANA

"A crítica na Galiza pon en lugar secundario a literatura feita por mulleres"

Fronte á ausencia das mulleres no Día das Letras, A Sega creou o Día das Galegas nas Letras, que este ano se lle dedicará a María Victoria Moreno, protagonista do A Fondo que sairá do prelo a quinta feira 25 de xuño.

Ánxela Lema
photo_camera Ánxela Lema

Este 15 de agosto, María Victoria Moreno será a protagonista da segunda edición do Día das Galegas nas Letras, unha iniciativa do colectivo A Sega para visibilizar o papel das mulleres na literatura galega. Falamos con Ánxela Lema Paris, filóloga e coordenadora do noso vindeiro A Fondo, o último até setembro.

-Por que escollestes a María Victoria Moreno para o Día das Galegas nas Letras?

-Pois por que non? Na Sega é todo moi voluntario. Sempre nace todo de motivacións que cada unha temos. Xurdiu o nome de María Victoria Moreno como podería ter xurdido o de moitas outras mulleres. E dixémonos, por que non, con toda a contribución que fixo, sobre todo a unha literatura penalizada como é a infantil?

-Dicídelo neste A Fondo: a escolla de María Victoria Moreno é a escolla dun xénero literario menosprazado, a literatura infantil e  xuvenil, e dun xénero humano tamén menosprezado, as mulleres…

-Si, xusto. Ademais é moi atractiva á súa figura tendo en conta a súa orixe, toda a contribución que fixo á literatura galega sen ter nacido aquí. É algo que se invisibilizou moito. Quixémoslle dar un aire de ledicia e de festa á reivindicación da súa figura.  

 moi atractiva á figura de María Victoria Moreno tendo en conta toda a contribución que fixo á literatura galega sen ter nacido aquí"

-Por que cres que se insivilizou?

-Entran en xogo varias funcións: o feito de ser literatura feita por unha muller e tamén o xénero escollido por ela, dirixido a un público menos académico ou institucional, do que nos medios quizais non se fala tanto, non tan prestixiado como outros xéneros literarios. Quizais  por iso non ten o seu recoñecemento a súa figura como escritora como outras mulleres cuxo nome se coñece máis.

-Que aspectos de María Victoria Moreno se abordarán neste A Fondo?

-No A Fondo quixemos enfatizar diferentes aspectos:  a María Victoria nai, no artigo da súa filla Begoña; como parella, a través do artigo que escribe o seu esposo; como amiga (de aí a entrevista a Fina Casalderrey; como escritora, vertente da que fala o editor Manuel Bragado, e dende a nosa ollada, como poetas, amigas ou lectoras da súa obra. Quixemos tocar diversos puntos de vista para unha lectura máis variada e para todos os públicos.

-Por que a entrevista a Fina Casalderrey?

-Sabiamos desa relación de Fina con ela, e permitianos ter o punto de vista doutra autora de literatura deinfantil e xuvenil. E ademais, unha figura como a de Fina! Sabiamos que ía ser moi atractiva calquera palabra que nos dixera.

-Mais neste A Fondo non só se falará de María Victoria Moreno senón tamén do contexto no que ten lugar a organización dun Día das Galegas nas Letras, fronte a ausencia de  homenaxeadas no Día das Letras Galegas por parte da Real Academia. Até o de agora só tres mulleres protagonizaron o 17 de maio. Que tedes que dicir fronte ao argumento que di que, se non houbo máis homenaxeadas, foi pola escasa presenza de mulleres na historia da nosa literatura?

-Se non se fai, facémolo nós. Foi a nosa actitude. Dixemos que non queriamos chorar máis e que isto era unha cousa de celebrar, e que non fai falta tanto traballo para festexar a literatura, que é un motivo de ledicia.  Nomes non faltan para homenaxear.

-Que expectativas tedes ante a próxima escolla dun novo homenaxeado ou homenaxeada para o Día das Letras?

-Diso falou Susana Aríns no seu artigo para o A Fondo. Preguntábase ela: “E se Xela Arias levase o Dia das Letras Galegas 2015? Deixaría A Sega de organizar o seu Dia das Galegas nas Letras?” E a resposta é que non, evidentemente. Celebraremos e festexaremos se llo dedican a Xela, entre outras que poden ser candidatas para o ano que vén, pero confianza e expectativas, poucas, sinceramente. A nosa función non é loitar ata que se faga iso. Queda moito traballo por facer, que non se vai cumprir cun só ano máis dedicándollo a unha muller. O plan de futuro que ten A Sega é continuar, porque ademais estamos recibindo moitos correos de xente que nos di que facía falta isto.

NAS MARXES DA ESCRITA

"No A Fondo quixemos enfatizar diferentes aspectos: a María Victoria nai, parella, amiga e escritora"

-Vai alén a Real Academia, e abrangue outras institucións como a crítica. Queda moito traballo por facer a nivel de conciencia, de normalizar, no senso de non ter que marcar, que xustificar por que unha literatura é feita por unha muller ou non. Queda moitísimo imaxinario por romper, e nese camiño imos. Por iso facemos crítica  de todo, tanto a veces de películas como de novelas, de literatura galega e española…  Cada cousa que facemos, cada palabra que escribimos, vai marcada sempre polo noso xénero.

-Que hai que cambiar no que respecta a crítica?

-A crítica en Galiza nunca deixa de poñer nun lugar secundario un tipo de literatura ou de mensaxes feita por unha muller. Continuamos a ver listaxes e listaxes de libros todo escritos por homes. Fíxome moito nas andeis de novidades das bibliotecas e o número de mulleres que aparece nos libros expostos é por completo menor. Mulleres facendo cousas moi boas hai pero non sei por que se decide silenciar.

-Séguese a visibilizar máis a literatura feita por homes que a feita por mulleres?

-Si, baixo o meu punto de vista si. Ou, ese se visibiliza, é sempre baixo unha etiqueta…

-Até que punto a etiqueta literatura de mulleres é positiva ou non?

-Non existe unha literatura de homes ou para homes. Nós continuamos a estar marcadas.

-Dicídelo no A Fondo: non só vós escollestes, dende A Sega, a María Victoria Moreno, senón que ela vos escolleu a vós. En que sentido?

-Sempre estaremos agradecidas a María Victoria, por intentar falarnos, de pequenas, nuns termos que non eran nadan usuais entón. Nós, a partir da visión crítica que ela nos deu na súa literatura, podemos propor cousas como o Día das Galegas nas Letras. Nese senso é no que nós fomos escollidas por elas.

Máis en Só en papel
Comentarios