RADIOGRAFíA DO EMPREGO

A crise arrasou o mundo do traballo na Galiza

Desde 2007 o paro aumentou no noso país un 132%, destruíronse 157.000 empregos, aumentou a precariedade e estancouse a negociación colectiva. Mulleres e mocidade son os colectivos máis golpeados. Este é o Tema da Semana do Sermos175.

paro, desemprego
photo_camera paro, desemprego

Foi arredor do mes de outubro de 2007 cando a chamada crise das hipotecas subprime nos EUA, a consecuencia do colapso da burbulla especulativa no ámbito inmobiliario, desataba unha crise económica de alcance global e sistémico. Transcorridos oito anos debullamos o impacto que a crise e tamén as políticas económicas, laborais e sociais implementadas, tiveron no mercado laboral galego.

Máis paro

En decembro de 2007 o paro en Galiza atinxía 96 mil persoas (55.300 mulleres e 41.300 homes), segundo datos da Enquisa de Poboación Activa. A EPA do pasado III Trimestre de 2015 recollía 222.800 persoas desempregadas (112.300 mulleres e 110.600 homes). Non son os peores datos da serie histórica 2007-2015. O maior pico do paro en Galiza rexistrouse en 2013, cando se contabilizaron 284.600 galegos e galegas nas fileiras do desemprego. Con todo, desde 2007 até hoxe o paro aumentou por volta dun 132,08%.

Óptase pola EPA e non polos datos do paro rexistrado por ser un indicador estatístico que reflicte mellor o número real de persoas no desemprego, dado que non todas fican rexistradas como tais nas oficinas de emprego ou inda o estando non se contabilizan (desempregadas que cursan accións formativas...).

Mais hai que ter en conta que a evolución do desemprego non se ten que corresponder necesariamente coa creación neta de emprego. A mesma vese afectada tamén por fenómenos como a emigración ou polo acceso a traballos temporais a tempo parcial. Por iso, para termos unha visión máis nítida e certeira da situación do mundo do traballo o indicador máis preciso non é o número de persoas desempregadas, quer as contabilizadas no paro rexistrado quer as recollidas pola EPA, senón a evolución da ocupación.

[A íntegra desta reportaxe, a dupla páxina, tela ao teu dispor no número 175 do semanario Sermos Galiza, nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa]

Máis en Só en papel
Comentarios