UN NOVO A FONDO SUXERIDO POLA COMUNIDADE SERMOS

Creatividade artística e diversidade funcional

O Afondo desta semana -suxerido polo noso público lector, na rúa a quinta feira 4 de xuño, na nosa loxa xa na noite da cuarta- reparará nas iniciativas e experiencias que en Galiza se tecen ao redor do binomio creatividade artística e diversidade funcional.

man 2
photo_camera Imaxe cedida por Fedra Alcaraz

Como expresión do eu, como terapia, como maneira de facerse visíbel e inmortalizar esas voces  que tan difícil o teñen para ser escoitadas. Son moitas as conxuncións en positivo que se xestan cando arte e diversidade funcional camiñan da man. Neste A Fondo, repasamos varios dos proxectos que en Galiza botan man da creatividade para o traballo con persoas con diversidade funcional, dámoslle voz a creadoras que nos falan dende unha corporeidade marcada por limitacións que as significan ante @s demais e entrevistamos a todo un referente xa na arte internacional, a coruñesa Ángela de la Cruz, que forma parte desa exclusiva e reducida selección de artistas que nalgún momento conseguiron ser nominad@s ao prestixioso premio Turner.

A suxerencia do A Fondo desta semana chegounos do noso público lector,  dentro da campaña “Propón o teu A Fondo”, que botamos a andar con motivo da celebración do número 100 do caderno de análise de Sermos Galiza. Nel contaremos coas experiencias de colectivos diversos que fan do binomio creatividade e diversidade funcional o seu piar.  Tal é o caso de Idendeaf, iniciativa de produción e realización e formación audiovisual en lingua de signos; a asociación audiovisual SamthingVisual, e a Fundación Igual Arte,que se define como fundación artística para persoas con capacidades diferentes. Así mesmo, a profesora de Belas Artes de Pontevedra, Loreto Blanco, falaranos do proxecto de voluntariado que se desenvolve na súa facultade en colaboración con persoas con diversidade funcional, e tamén nos amosará a súa experiencia Fedra Alcaraz, a responsábel do obradoiro artístico de APAMP, a Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral.

“Neste A Fondo, darémoslle voz ás persoas que han de convivir cunha diversidade funcional. Algunhas delas tan destacadas como a da artista galega Ángela de la Cruz, con renome internacional"

En primeira persoa

Neste A Fondo, darémoslle voz a artistas que conviven cunha diversidade funcional e a persoas que botan man da creatividade como terapia ou como ás coas que poder ir alén as súas limitación. Entrevistaremos a destacada creadora galega Ángela de la Cruz, afincada en Londres dende hai décadas e xunguida a unha cadeira de rodas dende que hai uns anos sufriu un derrame cerebral.  As limitacións físicas non foron un punto e final na súa traxectoria artística senón novo impulso e transformación de modos de facer cara a un traballo máis colaborativo.

Outras testemuños falarannos dende a expresión máis sincera da súa vivencia persoal, mesmo levando as verbas alén o politicamente correcto: “Véxome impotente e aínda non sei que facer: se darlle un bico na man a quen me acaricia o queixo mentras me di con conmiseración: “Que ben pintas!”, ou se darlle un mordisco nela”, deixa escrito neste A Fondo a artista e poeta Pili Álvarez.

Máis en Só en papel
Comentarios