NESTE CADERNO DE VERÁN

Sen comisión non hai festa

Facer festa pode ser todo un traballo, e non pequeno. Diso saben ben as comisións de festas, protagonistas desta última entrega do caderno de verán. Xa á venda na nosa loxa. 

páxina interior

Neste caderno de verán, achegámonos ao día a día das comisións de festas, acompañolas e presenciamos con elas as mil e unha anécdotas á hora de pedir polas casas, damos conta das súas dificultades e mais tamén das recompensas. Indagamos nas diferentes formas de facer, dende as máis convencionais, como as festas parroquiais que miden o seu éxito en función de se no seu cartel está ou non a Panorama, até aquelas máis alternativas e participativas, como as festas da Dorna, en Ribeira, ou as do barrio compostelán de San Pedro.


Neste número chegan ao ecuador as nosas entregas literarias. Pepe de Pura segue a botar máis leña ao seu relato homoerótico nunha viaxe a Cataluña que dará moito de si. Marica Campo desvela máis claves do seu relato seriado, Traballo de Campo, ao descubrirnos a infancia da súa protagonista, África. Marta Dacosta agasállanos con novos versos inéditos do seu poemario "Des-tecer".

"Pepe de Pura segue a botar máis leña ao seu relato homoerótico nunha viaxe a Cataluña que dará moito de si."

 

A sección musical estará protagonizada desta vez por A Magnifique Band dos Homes sen Medo. Entrevistamos a un dos seus músicos, Miguel Paz, quen, con non pouco humor, nos relata os avatares desta formación que é quen de utilizar a Beethoven, ou os ritmos do jazz ou do rock, para os seus pasarrúas. "Somos un grupo moi flexíbel, como ximnastas soviéticos ─afirma─ Hai que tocar nunha festa pola mañá nunha sesión vermú, vaise. Hai que facer unha procesión..., ben, xa o miraremos... Hai que tocar nun pasacorredoiras, pola noite no palco, nun camión, nun ferry... nós adaptámonos."

Pecha o caderno o prestixioso xenetista Anxo Carracedo,. Este referente internacional no eido da Medicina Legal levaranos até o seu curruncho preferido, Louro, en Muros. "Nos meus congresos polo mundo adiante sempre remato cunha foto de Louro desde o aire para presumir de terra e todo mundo queda impresionado ─destaca─ pero máis lles gusta cando veñen e poden así gozar dun dos lugares máis fermosos do mundo".
 

Máis en Só en papel
Comentarios