IOLANDA CASAL, COORDENADORA DO NOVO AFONDO

“A ciencia ten micromachismos e machismos non tan micro”

Din que a ciencia é obxectiva mais non o son os procedementos e prexuízos que marxinan as científicas na súa carreira investigadora. Ás científicas galegas vai dedicado a nova entrega do A Fondo, que volta esta quinta feira 3 de setembro após as ferias de verán.

iolanda_careto 300 vertical

-A ciencia parte da premisa da obxectividade. É obxectivo o sistema científico-académico á hora de valorar a carreira das mulleres na ciencia?

-Eu coido que a ciencia, aínda que presume de obxectividade e meritocracia, en realidade é coma calquera outro ámbito profesional, con micromachismos e machismos non tan micro. Probabelmente o bioquímico Tim Hundt non é o único en pensar así. A súa torpeza foi recoñecelo publicamente. Isto ponse de manifesto na segregación vertical. Existen estudos, como o elaborado pola universidade de Yale, que amosan que a un home se lle pagaría máis salario que a unha muller para o mesmo traballo, ou que o mesmo currículo é valorado mellor se leva o nome dun home có dunha muller. Ese machismo inconsciente  perdura.

"No curso 2014-2015, o 55% do estudantado nas universidades galegas eran mulleres. Porén, ao redor do 40% do profesorado eran mulleres, e era moi inferior a porcentaxe de catedráticas. É cuestión de tempo? Non."

-Como se manifesta esta desigualdade?

-Os salarios son un exemplo claro.  Téndese a sobrevalorar o traballo dos homes. Son máis abondosas as palmadas no lombo aos homes que as mulleres. Foméntase máis a autoestima nos homes ca nas mulleres que, froito desa educación, tenden a ser máis inseguras. Na práctica iso vese en renuncias, en máis abandonos da carreira universitaria.

-Como se ve, na ciencia, a segregación vertical?

-No curso 2014-2015, o 55% do estudantado nas universidades galegas eran mulleres. Porén, ao redor do 40% do profesorado eran mulleres, e era moi inferior a porcentaxe de catedráticas. É cuestión de tempo? Non. Nas universidades galegas as alumnas son maioría nas aulas dende o 89. Polo tanto as mulleres deberían ser xa o groso das universidades.  

-Que contidos comporán este A Fondo?

-A socióloga Iria Vázquez analizará en que consiste a segregación vertical e o chamado teito de cristal ou chan pegañento que impide que as mulleres avancen na carreira investigadora. Da man de Mari A. Lires e de Xabier Álvarez Lires, analizarase a segregación horizontal, que é a que se produce entre distintas áreas de coñecemento e leva a carreiras hipermasculinizadas ou hiperfeminizadas, como é o caso daquelas áreas vinculadas ao ámbito do coidado. Por outra banda, poñemos o foco en exemplos de mulleres pioneiras da ciencia en Galicia, que lle serven de referente ás mozas, porque é importante poñer referentes para que as novas xeracións.

AS PRECURSORAS

-De que referentes se falará neste A Fondo?

-Haberá un artigo dedicado á matemática María Wonenburguer, escrito por dúas profesoras da Universidade da Coruña, Ana Dorotea Tarrío Tobar e María José Souto Salorio, que se encargaron de recuperar a figura de Wonenburguer hai uns anos, cando ela aínda vivía. Elena Vázquez Cendón, profesora do Departamento de Matemática Aplicada da USC,  vai poñer algún outro exemplo, como o da matemática Antonia Ferrín ou Ángela Ruíz, que deseñou o libro electrónico en 1949.

-Falamos fundamentalmente do ámbito da investigación pública. E que acontece no ámbito da investigación privada? A ela se lle dedica outro dos artigos deste A Fondo.

-Falar da ciencia en Galicia, e falar fundamentalmente de investigación pública, pero tamén hai investigación no mundo privado, e aí esas discriminacións aínda son máis acusadas. Adoita tratarse de campos máis tecnolóxicos, que as mulleres estudan menos. Con todo o que queda por mellorar, o sector público é unha illa de igualdade.

-Entrevistaches para este A Fondo á física do Val do Dubra, Patricia Conde. Por que?

-É exemplo dunha nova xeración de mulleres que rachan con eses estereotipos e que estudan carreiras hipermasculinizadas. Falamos con ela sobre os motivos polos que lle gusta a física e o que fai. Participou na maior descuberta científica dos últimos tempos, o bosón de Higgs, e vive nun mundo de homes. A súa é unha experiencia positiva. Traballa en Portugal nun grupo no que hai moitas mulleres, o Laboratório de Instrumentaçao Física Experimental de Partículas de Lisboa..

"É común que as mulleres che digan que sufriron discriminacións, pero non lles gusta recoñecer publicamente que son discriminadas."

-Entrevistaches a moitas mulleres científicas tanto no teu traballo xornalístico como para os libros que publicaches. Que conclusións sacas de tantas horas de conversa con elas?

-Vin que hai un grupo de mulleres que son moi conscientes das desigualdades que existen, pero é común que non o sexan. Isto dígoo cunha perspectiva temporal, pois gora percibo que as mulleres son máis conscientes, o que ten tamén que ver coa introdución desta problemática na axenda política. Quizais non lles gusta recoñecer cando existen discriminacións. É común que as mulleres che digan que sufriron discriminacións, pero non lles gusta recoñecer publicamente que son discriminadas. Tamén é habitual que as  súas parellas se dediquen á ciencia, o que fai que sexan máis comprendidas.

-Téñenche relatado episodios machistas?

-Normalmente iso non o queren contar abertamente. Cóntancho pero non para que se reflicta nas entrevista.  Son episodios de machismo como que lles pregunten por que queres ser catedrática se xa se teñen un fillo.

-E cales son para elas as renuncias máis habituais?

-Unha renuncia habitual é a maternidade. A taxa de fecundidade é máis baixa para as investigadoras que para os investigadores.  Semella que, ou u renuncias a progresar laboralmente, ou a ter unha familia.

-Que tipo de discriminacións che teñen confesado?

-Na convocatoria dunha bolsa non te poden discriminar, mais si nos contratos a cargo de proxectos, cando a persoa responsábel do grupo decide a quen darlle un contrato ou se darllo a xornada completa ou media xornada. Téñenme comentado dalgún catedrático que fai iso. Quen é machista vai actuar de maneira machista. Tamén recordo o caso dunha investigadora nova, que non chegaba a corenta anos cando a entrevistei, que me dixo que nunca se sentira discriminada no ámbito da informática alén as típicas brincadeiras de mal gusto, mais si me confesou que abriu os ollos cando os seus pais enfermaron. Na familia, asumiuse que ela, por ser a irmá muller, tiña que levar máis sobre as súas costas ese coidado.

Máis en Só en papel
Comentarios