O cerco: unha loita contra vento e maré

Suman xa 3 semanas de campamento ás portas de San Caetano para demandar un reparto das cotas de pesca que non prexudique a frota cerqueira galega e evite "a desaparición do sector". Armadores e mariñeiros insisten na responsabilidade do Estado e da Xunta nun problema derivado dunha decisión política na que Galiza non contou.

cerco
photo_camera Acampada fronte S. Caetano

Desde hai case tres semanas 120 tendas de campaña (unha por cada barco integrado en Acerga, asociación de armadores do cerco de Galiza) permanecen colocadas en semi-círculo fronte á entrada principal de San Caetano, sede da Xunta de Galiza. "Pon aí que non imos marchar até que nos dean unha solución. Non nos imos render. Xa estamos pensando mesmo en mercar un carneiro para papar aquí, no campañmento, polo Nadal". Quen así fala é Tonacho, de Cesantes, un dos improvisados voceiros dos armadores e mariñeiros que fan parte desta protesta.

No exterior de cada unha das tendas de campaña hai expostas faixas e cartaces con mensaxes máis que clarificadoras: "Punta del Este. 10 familias sen poder ir ao mar. Grazas Feijóo", "Novo Ameixa: 12 familias arruinadas". "Hermanos Varela Cambón: 10 familias sen ter quer comer". E así en case todas as tendas: nome do barco e número de familias afectadas. "Por unha pesca digna, Feijóo demisión", resume o sentir dos acampados unha faixa no centro do 'Campemento Xurelo'.

Mais a que se debe esta protesta? José e Ángel, tamén de Cesantes explícano de maneira clara: Durante anos o cerco galego traballou cunhas cotas e topes para as súas pesquerías (fundamentalmente xurelo, xarda mais tamén sardiña e bocareu). Mais esa porcentaxe cambiou radicalmente hai tres anos. Variouse a cantidade a poder pescar e introducíronse criterios de reparto (o histórico de capturas) que prexudicaron a frota galega, a máis importante en barcos e tripulantes. Andrés García, de Acerga, non perde ocasión de lembrar que un só cerqueiro vasco ten máis cota que os 20 que hai amarrados en Vigo.

Reparto Liñal

O que piden os participantes na acampada, e o sector do cerco representado en Acerga en xeral, é que se cambien os criterios de reparto e estes pasen ser liñais: "Que se reparta por barco e tripulante", insiste Tonacho..

Esa é, afirman José, Ángel, Manuel e demáis participantes no campamento, a demanda principal da protesta. "A Xunta non defendeu Galiza. Nós só pedimos que defendan a frota galega en Madrid. Nada máis, tampouco nada menos", apontan.

Insisten en que no reparto cos novos criterios non se respectou Galiza. "Alí non houbo representantes do goberno galego ou se os había miraron para outro lado". Non se explican como o goberno galego mantense inane "perante unha inxustiza tan grave. Somos 1.500 mariñeiros parados nun sector no que nunca houbo paro!", laméntase Ángel.

cerco

A reportaxe completa, nunha dupla páxina, podes lela no Sermos Galiza nº170

Máis en Só en papel
Comentarios