- En que consiste 'Lugo é Letras'?
- Trátase dun proxecto que pretende lembrar a autores lugueses co obxectivo de atraer novos leitores a obras que pertencen xa aos nosos clásicos, así como relacionalos coa súa terra natal. Trátase de poñer en valor e facer atractivas estas obras e demostrar que están vixentes.
- Que autores vai incluír?
- Pois esta semana comezamos con Manuel María, dado que estes días celebramos o seu aniversario e será o próximo homenaxeado das Letras, e logo continuaremos con Marica Campo, Olga Novo, Lois Diéguez, Lois Pereiro, Uxío Novoneyra, Luz Pozo, Álvaro Cunqueiro e Darío Xohán Cabana.
- Esta iniciativa terá continuidade e ampliarase a máis escritores?
- Pois agardamos que si, porque loxicamente hai moitos máis e non están todos os que son. Esta é unha primeira serie e tamén nos gustaría que se ampliase ao resto do país. No caso dos autores vivos publicarase unha entrevista e no caso dos falecidos, poderá ser unha recensión ou mesmo unha entrevista imaxinaria. Iso dependerá dos autores que se fagan cargo dos textos: por exemplo, Xosé Manuel Pereiro falará de seu irmán Lois; de Novoneyra tocaralle ao seu fillo homónimo...
- Lugo é un territorio ben vizoso no que a literatura se refire, non?
- Pois a verdade é que tendo en conta o contexto do sistema literario galego e a proporción poboacional, en Lugo temos grandes figuras das letras galegas, tanto pola súa calidade como pola súa importancia.