SERMOS LANZA "LUGO é LETRAS"

Celia Armas: “En Lugo temos grandes figuras e clásicos das letras galegas”

O semanario Sermos Galiza estrea serie esta quinta feira, na súa entrega 166, unha sección especial sobre escritores de Lugo que abrirá cun texto de Pilar García Negro sobre Manuel María. A súa coordinadora, Celia Armas, cóntanos desta iniciativa.

20151003_172649 (1)
photo_camera Celia Armas, coordinadora de Lugo é de Letras

- En que consiste 'Lugo é Letras'?
- Trátase dun proxecto que pretende lembrar a autores lugueses co obxectivo de atraer novos leitores a obras que pertencen xa aos nosos clásicos, así como relacionalos coa súa terra natal. Trátase de poñer en valor e facer atractivas estas obras e demostrar que están vixentes. 

- Que autores vai incluír?
- Pois esta semana comezamos con Manuel María, dado que estes días celebramos o seu aniversario e será o próximo homenaxeado das Letras, e logo continuaremos con Marica Campo, Olga Novo, Lois Diéguez, Lois Pereiro, Uxío Novoneyra, Luz Pozo, Álvaro Cunqueiro e Darío Xohán Cabana. 

- Esta iniciativa terá continuidade e ampliarase a máis escritores?
- Pois agardamos que si, porque loxicamente hai moitos máis e non están todos os que son. Esta é unha primeira serie e tamén nos gustaría que se ampliase ao resto do país. No caso dos autores vivos publicarase unha entrevista e no caso dos falecidos, poderá ser unha recensión ou mesmo unha entrevista imaxinaria. Iso dependerá dos autores que se fagan cargo dos textos: por exemplo, Xosé Manuel Pereiro falará de seu irmán Lois; de Novoneyra tocaralle ao seu fillo homónimo...

- Lugo é un territorio ben vizoso no que a literatura se refire, non?
- Pois a verdade é que tendo en conta o contexto do sistema literario galego e a proporción poboacional, en Lugo temos grandes figuras das letras galegas, tanto pola súa calidade como pola súa importancia. 

Máis en Só en papel
Comentarios