CON MARICA CAMPO, MARTA DACOSTA E UN RELATO HOMOERÓTICO

O Caderno de Verán estréase cunha dupla páxina literaria

Volve o Caderno de Verán e faino apostando forte polo literario. Os poemas de Marta da Costa, a intriga do relato seriado de Marica Campo e o relato homoerótico de Pepe de Pura. Disponíbel aquí.

dupla literaria

Estreabámolo o ano pasado como Caderno de Agosto. Este ano decidimos amplialo e estendelo ao mes de xullo. Nesta quinta feira, acompañará o Sermos en papel o noso suplemento estival, que substituirá até o mes de setembro o A Fondo, o caderno de análise. Reportaxes, entrevistas, narracións, poemarios inéditos, e mesmo un relato erótico, ofrecerannos unha perspectiva diferente ao longo destes meses de verán, fresca mais non superficial.

O Caderno de Verán volve con enerxías renovadas e seccións novas, como os apartados literarios de Marta Dacosta e Marica Campo, a columna de opinión do xornalista Xesús Pinheiro, ou a nova sección de Xurxo Souto, "Océano para terrícolas", historias cheas de mar que reivindicarán a súa centralidade para o país.

Dobre páxina literaria

"O Caderno de Verán volve con seccións novas, como os apartados literarios de Marta Dacosta e Marica Campo, a columna do xornalista Xesús Pinheiro, ou a nova colaboración de Xurxo Souto"

A dobre páxina literaria será un dos fortes do suplemento. Marica Campo constrúe, ex profeso para o Caderno de Verán, un relato seriado que nos deixará, con cada punto e final, gañas de máis. A acción desencadéase en "Traballo de Campo" cando a protagonista entra en contacto cunha das mulleres que entrevistara anos atrás  para a súa tese doutoral. Pola súa banda, Marta Dacosta colaborará cun poemario construído para ser encaixado como entregas no suplemento: un libro conformado por nove partes, correspondente a cada unha das semanas nas que se publicará o Caderno de Verán, e que terá como fío condutor a memoria das mulleres. Completa a sección literaria Pepe de Pura ─ pseudónimo baixo o que o escritor garda o seu anonimato─ que volve a retomar os relatos homoeróticos que comezamos a publicar o  pasado verán.

Surf, o potencial desaproveitado

O surf será protagonista deste primeiro número do verán. A reportaxe "Galifornia ou o potencial de surf" analizará este deporte en auxe no país. De 2004 a 2014 o número de persoas asociadas á Federación Galega de Surf incrementouse, de feito, dende as 900 até os máis de 4.000. Galiza reúne as condicións perfectas para a práctica deste deporte, que é un importante motor económico e turístico en zonas como San Sebastián ou Canarias. Porén, o potencial do país fica en boa medida desaproveitado.

"Indagamos no auxe do surf en Galiza. Importante motor turístico en zonas como San Sebastián ou Canarias, o seu potencial aquí aínda fica desaproveitado."

Entrevistamos, para este primeiro número, a Samuel L. Paris, poeta e baixista de Terbutalina, a quen teñen tachado de "enfant terrible" da literatura galega. "É un gustazo de verán: autoxestionado", manifesta sobre o que está a ser para el un estío perfecto, entre as actuacións de Terbutalina e os 25 poemarios inéditos que escribiu a man e reparte en persoa.

Pechará os cadernos de verán a sección "O Recuncho", na que, todas as semanas, unha persoa coñecida escribirá ao redor do seu lugar preferido para o verán. Nesta ocasión será o escritor Xurxo Borrazás, quen reparará nos bares como ese lugar perfecto para, entre cunca, cigarro e xornal, completar calquera visita a un novo lugar.

Máis en Só en papel
Comentarios