#sermos144: a banca sempre gaña

Xa saíu do prelo o novo semanario. A gran banca e o lucro que non cesa, a maternidade na literatura, entrevistamos Agustín Fernández Paz, botamos un ollo a unha campaña electoral que arranca xa... todo isto e máis neste nº144, que podes adquirir na nosa loxa.

capa

Xa está nos quioscos e na nosa loxa o número 144 do semanario Sermos Galiza, desta volta coa gran banca española e o lucro que non cesa, uns beneficios en aumento cuxas orixes e causas son debullados nunha dupla páxina. Un artigo de Clodomiro Montero (da CIG-Banca) que acompaña a reportaxe axuda a entendérmonos un tema de actualidade após se coñecer que no primeiro trimestre de 2015 as gañancias da banca aumentaran nun 67%.

Como corresponde a estarmos xa cun pé na campaña electoral, neste número tamén tratamos o tema. ‘Municipais 2015, a primeira parte das xerais’ falamos dunha campaña decisiva para o reparto do poder no Estado co nacionalismo tentando preservar o rol da Galiza como país. E en ‘As présas do PP por inaugurar o Eixo Atlántico e fechar o caso Angrois’ contamos que o corpo de maquinistas denuncia que Renfe lles trasladou a responsabilidade ante as deficiencias do novo trazado. O Goberno español minimiza os riscos, mentres trata de evitar que a investigación polo accidente do Alvia abafe unha das súas principais apostas electorais en Galiza.

‘O sangue prohibido’

‘O sangue prohibido’ é o nome da reportaxe na que falamos das instancias xudiciais europeas avalan a exclusión de homosexuais nas doazóns de sangue, unhas políticas discriminatorias que atinxen o corazón de Europa.

Entrevistamos Erea Martínez, unha das 17 traballadoras sociais do Concello de Vigo. Un colectivo nada dado á exposición pública, mais que vén de convocar protestas na rúa por segunda vez en menos dun ano. Un síntoma máis da emerxencia social na cidade e da ausencia de políticas para atallala. Martínez recalca que fala en nome do persoal dos servizos sociais, que deu o paso ante unha situación que definen como “insostible”. "Queren que priorizemos dentro da miseria pola falta de persoal".

En ‘Xaque ao sector lácteo’: O escenario non pode ser peor. Rematadas as cotas lácteas, a liberalización do mercado deixou vía libre a que sexan as industrias as que impoñan as novas condicións no sector lácteo.

34 a cero: un resultadismo antipedagóxico

O 1 de xaneiro entrará en vigor o novo mapa rexional francés, un deseño contestado desde pobos como o bretón, o alsaciano ou o occitano, que lembran -con cors@s e vasc@s- que París ten pendente recoñecerse como estado multinacional. Tratamos o tema en ‘Os pobos desafían La Grandeur’.

E neste número levamos un tema de interese e non moi debatido. As ‘goleadas’ abultadas en `partidos de categorías de base. 50 a 0, 34 a 0,... pasan factura os xogadores? Pódense evitar?. Un artigo de Diego Boquete, mestre de Educación Física, completa a información.

Fernández Paz

Entrevistamos Agustín Fernández Paz, un dos grandes da literatura galega, que vén de regresar á literatura de medo con ‘A neve interminable’ (Xerais). “A ficción é imprescindíbel para a vida”.

Da man de Viaxes na Miña Terra percorremos a beira do Miño ao seu paso polo Cocello das Neves.

Contra a relevancia que a maternidade pode ter na biografía das autoras, a súa presenza na cultura foi até o momento, escasa. Unha nova xeración de artistas, músicas e escritoras fan agora da maternidade motivo das súas obras. Guadi Galego, María Lado, Inma López Silva, Susana Seivane ou Mónica Alonso son algunhas das creadoras que levaron a súa experiencia como nais á literatura, mú- sica ou arte no último ano. Tratamos este tema nunha dupla páxina.

E na contra-capa, Limiar Teatro e Acaso Dança fálannos dunha obra teatral que une o Brasil, Galiza e Portugal. Un espectáculo que tira da lingua como nexo de unión para nos lembrar que unha vez estivemos unidas e que aínda o estamos. Un proxecto “lindo” mais tamén “complexo” pola loxística que carrexa mobilizar equipas das dúas bandas do Atlántico


 

Máis en Só en papel
Comentarios