Artigos de Antón Losada, Teresa Moure, Alba Nogueira e Pilar García Negro no nº151

O semanario en papel sairá do prelo esta cuarta feira e estará nos puntos de venda habitual a partir da quinta. 

Autores opinión

Máis un número de Sermos Galiza no forno. Desta volta as páxinas interiores contan coa análise e reflexións da autoría de Antón Losada, Teresa Moure, Alba Nogueira e Pilar García Negro.
 

As súas opinións xiran arredor de diversos asuntos de actualidade. A escritora Teresa Moure debrúzase sobre a polémica suscitada polos chíos de Guillermo Zapata a partir da que afonda no politicamente incorrecto. "O insulto tem uma função benigna: permite afrouxar tensões que, doutro modo, resolver­-se­-iam com violência", afirma baixo o título A correção política: movimento transformador ou castração deliberada? 
 

Pola súa banda, o analista Antón Losada avalía a situación que atinxe o nacionalismo galego nun artigo intitulado Que queremos ser de grandes. "Quero poder votar unha opción que sexa nacionalista, se declare nacionalista e ofreza un proxecto nacionalista", sinala. 
 

A profesora universitaria Alba Nogueira acompaña coa súa sinatura o tema da semana no que afondamos na Negra sombra para as universidades públicas galegas. "A folla de ruta do Partido Popular coas universidades públicas está clara. Primeiro unha estratexia de degradación mediante a asfixia orzamentaria, o empeoramento das condicións laborais e a ausencia de renovación", explica Nogueira. 
 

Finalmente e como cada dúas semanas, a escritora e profesora Pilar García Negro asina Torcer a semántica, fabricar a realidade. "Afinal, aínda que as percentaxes de aprobadas-os son moi altas, non semella moi moderno pedagoxicamente facer depender o ingreso á universidade duns exames escritos máis que discutíbeis no seu plantexamento", sentencia. 
 

O número 151 estará disponíbel en versión PDF esta cuarta feira na nosa loxa e á venda nos puntos de venda habituais a partir da quinta. 

Máis en Só en papel
Comentarios