LUCíA CARREIRA, COORDENADORA DESTE A FONDO

"Sen apoio institucional é moi difícil soster as bandas populares"

Coñecémolas de dianas e alboradas pero ignoramos que elas fan de Galiza unha potencia musical. O vindeiro A Fondo vai dedicado ás bandas de músicas populares.

O A Fondo vaise publicar esta quinta feira 16 de abril, como parte da entrega número 141 do semanario. Falamos con Lucía Carreira, coordenadora deste caderno de análise dedicado ás bandas de música galegas.

-Cal é a importancia das bandas de música populares no panorama musical galego?

-As bandas aglutinan moita xente, moi nova, e musicalmente  moi preparada, cunha gran formación musical, que lles vén a través das escolas das bandas de música e dos conservatorios.

-Estas formacións están a vivir unha época dourada nas dúas últimas décadas. A que se debe?

-A raíz da Guerra Civil, sufriron unha merma importante e moitas desapareceron. Hai 17 ou 18 anos entrou moitísima mocidade, nen@s e sobre todo mulleres. Hoxe, centos de mozos e mozas  móvense ao redor delas.

-Coidas que se lle recoñece ás bandas a importancia que teñen?

-Eu creo que non. Pode ser que no eido local haxa algún alcalde que as teña en conta, mais da Administración autonómica non reciben o apoio que merecen. Algunhas están pasando auténticas penurias. Mesmo o papel que deberan desempeñar non está definido, non hai directrices claras. Están de man do que queira cada directiva. As subvencións son mínimas e non esixen das bandas unha contrapartida como a inclusión de música galega no repertorio ou o incentivo de premios de composición. De feito, nos concertos das bandas, ou non hai música galega ou é moi escasa: a muiñeira ao final do concerto.

-Como inflúe esa falta de apoio no día a día das bandas?

"Descoñécese o nivel musical tan elevado que teñen as bandas galegas, que poden dar un concerto ao igual que a mellor  banda do mundo e competir con calquera."

-Se ti non tes unha subvencións, como lle pagas ao profesorado? Esta situación acaba revertendo no peto dos pais e das nais.  Hoxe as escolas teñen profesores de instrumental de cada especialidade. En que condicións son retribuídos? Con que diñeiro se pagan os desprazamentos?

-Son malos momentos para as bandas?

-Hai bandas que o están pasando  moi mal e teñen que reducir o número de profesorado, ou facer que un mesmo profesor dea varias materias. Ou, se non o fan así, as retribucións son de miseria. Hai xente que non cobra e traballa de maneira altruísta. Existe moita economía somerxida. E todo iso malia a estar facéndolle á administración un papel importante, a formación musical de cantidade de rapaces.  Sen apoio institucional é moi difícil soster as bandas, e máis nestes momentos de crise.

-Que contidos inclúe este A Fondo?

-Abordamos as dificultades das bandas para poder manterse, o desleixo da administración, a necesidade dun apoio institucional... Contamos co punto de vista dos directores de banda en dous artigos nos que se abonda nas dificultades de dirixir. E tamén coa visión particular dunha instrumentista que fala da súa experienciacomo integrante dunha banda dende pequeniña.

-Esa falta de recoñecemento pode influír tamén na súa escasa presenza nos medios de comunicación?

-Nos medios, a presenza das bandas é nula ou escasa. As bandas de música só cumpren un papel cando son as festas do pobo ou se dá noticia de que hai unha actuación, pero non teñen  o recoñecemento que merecen. O certame galego de bandas de música, que se celebra anualmente no Auditorio de Galiza, apenas é recollido nos medios.

"Este A Fondo fai unha chamada á administración. Que a crise non lle sirva de argumento para deixalas morrer pouco a pouco."

-Por que coidas que se dá esta situación?

-Eu creo que é debido ao descoñecemento do nivel musical tan elevado que teñen as bandas galegas, que poden dar un concerto ao igual que a mellor  banda do mundo e competir con calquera. Hai músicos galegos formados en bandas que están en orquestras de fóra de Galiza.  Temos bandas que están competindo en certames internacionais.

-Cales son os fins deste A Fondo?

-Darlle a coñecer ao público o papel tan importante que desempeñan as bandas de música hoxe a nivel popular. Están cheas de xente moza, moi preparada e que realiza uns concertos espectaculares. Pretendemos achegarlle esta información á xente para que as apoie moito máis e facer así mesmo unha chamada á Administración. Que a crise non lle sirva de argumento para deixalas morrer pouco a pouco.

Máis en Só en papel
Comentarios