CRóNICA DOS ENVIADOS DE SERMOS A GRECIA: ESTA QUINTA FEIRA, NOS QUIOSQUES

Apatía nas rúas de Tesalónica

Após safar do breve incidente en Serbia -foron detidos na fronteira acusados de non teren os papeis en regra-, os enviados especiais de Sermos Cristian López e Felipe Carnotto chegaron a Grecia para cobriren a campaña eleitoral. Isto é o que viron. Oferecémosvos aquí un avanzo da reportaxe que asinan no semanario Sermos Galiza, nos quiosques esta próxima quinta feira.

Rúas de Grecia. Foto: Felipe Carnotto
photo_camera Reportagem Grecia, retrato dun país devastado

.

As eleccións helenas transcorreron entre a apatía xeneralizada e a sensación de imposibilidade de facer outras políticas fronte á Troika. En Tesalónica, a segunda urbe máis importante do país, a presenza de turistas no centro da cidade contrastaba coa desafección da poboación local perante os comicios. Os comercios fechados, o alto paro e a privatización de servizos públicos son os símbolos das políticas austericidas.

As portas da oficina de Syriza en Tesalónica parecían as dun partido que acabara de perder as eleccións. Pasaran tres horas desde o peche dos colexios electorais e apenas había movemento. As televisións esperaban nas portas da sede, situada fronte á estatua de Aristóteles, na zona máis cara da cidade, para conectar en directo. As enquisas a pé de urna avanzaban a vitoria do partido liderado por Alexis Tsipras e os primeiros resultados apuntaban que esta sería aínda maior. Mais non houbo festa entre a militancia de Syriza. Só algún leve sorriso asomaba nas facianas dos seguidores e seguidoras que baixaban aos poucos da oficina. 

A desafección marcou a terceira votación en menos de doces meses en Grecia, a quinta en seis anos. A apatía foi a nota predominante entre a poboación de Tesalónica, unha sensación que se extendeu a un país sumido na resignación. Unha realidade que contrastaba coas transitadas rúas do centro da urbe. Decenas de turistas camiñaban polo paseo marítimo e desfrutaban nas terrazas alleos ás eleccións, mentres moitos gregos e gregas vivían este 20 de setembro como un domingo máis.

Mais non houbo festa entre a militancia de Syriza. Só algún leve sorriso asomaba nas facianas dos seguidores e seguidoras que baixaban aos poucos da oficina. 

“Nada vai cambiar. Estas eleccións non servirán para nada, igual que pasou coas anteriores”, opina un mozo na porta dun colexio cercano a Egnatia, unha longa avenida chea de hoteis e tendas de souvenirs, e unha das arterias desta cidade de dous millóns de habitantes. “Hai só tres meses un 60% votou non ao rescate. Valeu de algo? Para a maioría estas eleccións non deciden quen goberna, porque o goberno está fóra de Grecia”.

Se che interesou este texto -o comezo dunha reportaxe de tres páxinas-, podes ler a súa íntegra a próxima quinta feira, cando saia do prelo o número 164 do semanario Sermos Galiza, disponíbel nos pontos de venda habituais e na nosa loxa.
 

Máis en Só en papel
Comentarios