A FONDO SOBRE O SECTOR LÁCTEO

Antonio Oca: “Galiza é inconcebíbel sen gandería e sector leiteiro”

O A Fondo desta semana céntrase na grave crise que atravesa o sector leiteiro. Nel debúllanse tanto as súas causas como se abordan alternativas que garantan o seu futuro.  Á venda na nosa loxa.

leitecapaCos tractores inda a resoar nas rúas de Compostela ou envolvendo a muralla de Lugo, esta semana Sermos Galiza deita a súa ollada A Fondo sobre o sector leiteiro galego, precisamente cando este enfronta unha grave crise por mor da queda dos prezos que non abondan nen para cubrir os custes de produción.

O caderno, elaborado baixo a coordenación de  Antonio Oca Fernández, axente de extensión agraria, opta por abordar esta problemática desde un punto de vista máis apegado á realidade material do sector. Por esa razón nas súas páxinas teñen un peso salientábel as análises realizadas por persoas vinculadas directamente á produción.  “Este A Fondo quere darlle a coñecer á sociedade galega cal é a visión real da crise do sector leiteiro, a partir da visión de persoas que están directamente implicadas coa produción” explica Oca, quen salienta o esforzo por ofrecer unha análise que fuxa das coordenadas simplistas e oficialistas coas que se adoita tratar o tema. 

Canda o propio Oca Fernández, que é autor dun completo artigo arredor da necesidade urxente de mudanza nas políticas da UE, o A Fondo recolle o testemuño "a pé de vacas" de Manuela Permuy, gandeira cooperativista con trinta anos de experiencia. Sobre o conflito que estas semanas protagonizan os e as produtoras, con tratoradas percorrendo o país, Anxo Escariz (Organización de Produtores de Leite) e Elías Somoza (Federación Rural Galega) explican a súa orixe e debullan as alternativas que a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo puxo acima da mesa. Javier Taboada, presidente da Cooperativa ICOS, da resposta nunha entrevista aos principais interrogantes e partilla a súa experiencia na posta en marcha de proxectos industriais no sector.

Hai que actuar

Unha idea clara é o leitmotiv do caderno: cómpre actuar. “Existen alternativas. Non pasan só por fixarse un prezo mínimo. Unha alternativa é o modelo norteamericano, no que cando o leite baixa dunha porcentaxe ao custo dos concentrados de alimentación dos seus rabaños automaticamente receben unha compensación, en forma de garantía de que o prezo cubra os custes medios de produción” exemplifica Oca.  “É imprescindíbel apostar por proxectos industriais que agreguen valor engadido ao leite. Son necesarios tamén contratos nos que se garanta o seu cumprimento”, engade. 

“Concibir a Galiza sen produción leiteira sería como incentivar a desertización do medio rural e reforzar a emigración”

Diagnoses e receitas que conflúen nunha mesma idea, a de garantir o futuro dun sector estratéxico sen o que sería inconcibíbel Galiza. Así o entende o coordenador do caderno para quen “Concibir a Galiza sen produción leiteira sería como incentivar a desertización do medio rural e reforzar a emigración” “As prognoses para os vindeiros vinte ou trinta anos fixan un descenso brutal da nosa poboación, imaxina se lle sacas ás 9.800 familias gandeiras máis todo o que hai arredor da produción láctea as condenas ao abandono. Nas zonas produtoras de leite non hai alternativa, abandonar esa actividade sería o esmorecemento definitivo. Ademais, nese escenario quen coidaría do noso territorio e do medio ambiente? Convertiríamonos nun monocultivo industrial” alerta.

Máis en Só en papel
Comentarios