#sermos150: unha candidatura galega autónoma e soberana

Debullamos os últimos movementos na política galega, falamos das deputacións, da Galiza contaminante, da violencia obstétrica, de medio século de fútbol na Costa da Morte, entrevistamos a escritora Eli Ríos... todo isto e moito máis, neste número. Xa á venda na nosa loxa. 

unnamed

Sae do prelo un novo número do Sermos Galiza, o 150, con diversos temas que entendemos de interese. En ‘Unha lista galega con personalidade xurídica propia para o Congreso’ falamos da proposta de o Bloque concorrer nas xerais como parte dunha Candidatura Nacional Galega de Unidade debátese nas asembleas abertas e irá ao Consello Nacional do sábado 20.

En ‘A Galiza contaminante’, contamos como o medio ambiente continúa a ser unha das materias pendentes na Galiza. Facemos un percorrido polos principais ‘puntos negros’ do país -a carón do recente informe de Greenpeace- e unha análise das súas causas e consecuencias económicas, sociais e políticas.

‘Deputacións: cara ao principio da fin’ é outra reportaxe neste semanario. As eleccións do 24M non só deixaron un novo mapa municipal en Galiza. Crearon a oportunidade de acometer unha transformación a fondo dos entes provinciais que permita que, no proceso cara á súa desaparición, sexan institucións transparentes, democráticas e eficientes. Un artigo de César Mosquera (“Sexamos realistas, fagamos o imposíbel”) completa a información.

A outra soberanía dos corpos

‘Violencia obstétrica, a (outra) soberanía dos corpos’. Tratamos nesta reportaxe que é a violencia obstétrica, Como se manifesta? Responden a estas cuestións a doutora en medicina e feminista, Lola Ferreiro; Benita Martínez, matrona en Vilalba e integrante da Asociación galega de Matronas e O Parto é noso.

Un ministro ao servizo das eléctricas’ tratamos como a regulación do autoconsumo enerxético está no punto de mira de Soria. ‘O TTIP encalla no Parlamento europeo’: a Eurocámara tivo que canear as voces críticas adiando o debate e votación sobre o Tratado de Libre Comercio perante un hipotético rexeitamento do pleno.

‘Un repaso ao medio século de fútbol na Costa da Morte’: Xosé María Lema e Chema Rei son os autores dun ambicioso traballo de investigación sobre unha das competencias máis senlleiras do fútbol galego. E en Viaxes na Miña Terra, ‘Penagache dende Xacebáns’. Dous sonoros nomes, aquel o do monte, o da aldea este, que imos unir coa nosa andaina demorada para gozar dun día de espazos abertos e vistas que se espallan por ducias de quilómteros.

“O proceso de visibilización das mulleres na literatura é á custa dos nosos lombos”

Na sección de textos entrevistamos Eli Ríos: “O proceso de visibilización das mulleres na literatura é á custa dos nosos lombos”. Ríos ten tres libros premiados que aínda non foron publicados. Un xurado composto por Anxo Angueira, Dolores Vilavedra, Ana Acuña, Olivia Rodríguez, María Jesús Senín e Cruz Taboada decidiu que o seu poemario Café intenso fose o gañador da primeira edición do Premio Rosalía de Castro, promovido polo Concello de Padrón. Publicamos un fragmento en adianto editorial.

Na contra-capa falamos do novo rei no universo billardeiro de Galiza.

Máis en Só en papel
Comentarios