A FONDO

70 anos das Nacións Unidas?

O caderno A FONDO desta semana está dedicado ao 70 aniversario da creación da Organización das Nacións Unidas. Xa á venda na nosa loxa.

AFONDOO 24 de outubro de 1945 constituíase formalmente a Organización das Nacións Unidas, a partir da Carta das Nacións Unidas aprobada por 50 estados na Conferencia de San Francisco, decorrida o 26 de xuño dese mesmo ano. Trátase do segundo intento, após a fracasada Sociedade das Nacións (18919), de crear unha instancia multilateral que procurase o mantemento da paz e a seguridade a nivel mundial.

Cando se cumpren 70 anos do seu nacemento, analizamos A FONDO o papel que a ONU ten xogado durante estas sete décadas. Faise en chave interrogativa, como se recolle no título, pois segundo explica o coordenador do caderno, Xabier P. Igrexas, en función da súa propia historia “cabe preguntarse se efectivamente arestora existen de maneira efectiva as 'Nacións Unidas' e se responden á súa misión”. O caderno recolle as orixes e o proceso histórico que deu lugar as Nacións Unidas, unha escolma dos principais datos que describen a súa actividade, e unha valoración a varias voces a respecto do grao de cumprimento dos seus obxectivos fundacionais. 

Nunha completa entrevista, o profesor de dereito internacional público da USC, Antón Martínez Puñal, achega respostas ás principais cuestións arredor da ONU, da súa actividade até o momento e tamén dos reptos de futuro.  Reptos nos que se inclúe como dar resposta a un crecente cuestionamento da propia Organización, e da propia institucionalidade do sistema mundial, que é analizada polo doutor en ciencias sociais Julio C. Gambina (Arxentina), que ademais achega unha perspectiva desde a periferia, desde o Sur. 

Manuel Mera, Presidente da Fundación Moncho Reboiras, repara en como a correlación de forzas a nivel internacional ten incidido, e incide, na orientación das propias Nacións Unidas, determinando en grande medida a súa axenda e influíndo na súa toma de decisións. Un dos fenómenos aos que a ONU debera ter dado resposta é o Imperialismo, e singularmente as sucesivas guerras imperialistas e novos procesos de tipo neocolonial. En opinión do activista internacionalista Óscar Valadares a Organización “non intervén para terminar conflitos, mais para perpetuar as relacións asimétricas de poder”, o que a convirte nun factor perpetuador do propio Imperialismo.

Aliás, o caderno tira unha fotografía panorámica a través dunha escolma de sete momentos chave na historia da ONU, con figuras tan salientábeis como Fidel Castro, Nikita Kruschev, Ché, Yasser Arafat, Hugo Chávez, Muamar Gaddafi ou Vladimir Putin.

Máis en Só en papel
Comentarios