27S: Catalunya acode a unha cita coa Historia

Cinco millóns e medio de cataláns están convocados a unhas eleccións que, rebordando o corsé de simples autonómicas, constitúen o principal desafío para o modelo político, económico e social pactado na Transición española.

catalunya
photo_camera Filas para votar nun colexio eleitoral

Catalunya acode este 27 de setembro a unha cita coa Historia. A cita que o Estado español abortou en parte o pasado 9 de novembro, negando lexitimidade a unha consulta popular na que tomaron parte 2,25 millóns de persoas. Desde España interpretouse aquel referendo como o punto e final do que clase política e brunete mediática cualificaban despectivamente como "suflé catalán'. Un proceso (o soberanista) que acabará por se desinflar por si propio. Mais non é así e máis de cinco millóns e medio de cataláns están chamados a unhas eleccións que, como recoñece a Sermos Galiza Eduard López (ERC-Junts pel Sí), "son de todo menos autonómicas ordinarias". Opinión que partilla Nerea Miralles, do Secretariado Nacional da CUP, que afirma que os primeiros que asumen que son unhas eleccións plebiscitarias son "os unionistas e o seu discurso do non".

As enquisas e sondaxes dan ao independentismo a maioría. Entre 65 e 70 deputad@s -dependendo dos inquéritos- para Junts pel Sí; e de 8 a 10 para a CUP. A suma das papeletas independentistas resulta entre 73 e 80 escanos nun Parlamento no que a maioría absoluta está nos 68. Ciutadans (16/20 deputad@s) e Catalunya si que es Pot (coligazón Podemos-ICV e a marca catalá de IU, de 13 a 16) ficarían como 2ª e 3ª forza e principais referentes do 'non soberanismo'.

De se cumprir o domingo os vaticinios das sondaxes, a segunda feira, 28 de setembro, comezarase, asegura Eduard López, "a avanzar na construción dun Estado". O domingo marca "un ponto de non retorno", manifesta a Sermos Galiza Nuria Miralles, e acredita en que se dean as condicións para pór en marcha "un proceso constituínte catalán".

A íntegra desta reportaxe, ao teu dispor no número 164 do noso semanario, disponíbel nos pontos de venda habituais e na nosa loxa.

Dupla

Máis en Só en papel
Comentarios