O futuro está en nós

Crónica da Galiza que se move.
Detalle do deseño de Héitor Picallo para a capa do 'Sermos Galiza' especial Día da Patria Galega
photo_camera Un acto na praza da Quintana con motivo do Día da Patria do ano pasado. (Foto: Europa Press)

Publicamos este especial de Sermos Galiza con motivo do Día da Patria Galega como escaparate das aspiracións dunha nación que emerxe e traballa por un futuro mellor para o conxunto das galegas e galegos. Con esta publicación, Nós Diario convida a reflexionar sobre unha nova Galiza a través de plataformas que se mobilizan en busca do cambio preciso.

A política, a economía, a sociedade e a cultura vense profundamente afectadas por un fenómeno como o da pandemia, mais as crises, aínda que representan unha grave inestabilidade, poden servir tamén como revulsivo para a mobilización social e permiten corresponsabilizarnos como pobo e buscar respostas dirixidas a mellorar a convivencia.

Queremos, con esta publicación, tomar o pulso da rede asociativa da Galiza para fornecer un diagnóstico da situación nas diferentes frontes nas que se constrúe o mañá. O obxectivo pasa por ofrecermos vías de actuación coas que poder avanzar, pois o estancamento é só garante de miseria para o devir.

Desta maneira, pomos o foco en debates esenciais a respecto dos dereitos laborais, marcados polo contexto da crise da Covid-19, e do papel que deben desenvolver as traballadoras e traballadores. Os dirixentes dos principais sindicatos -CIG, UXT e CCOO- expoñen aquí as súas distintas valoracións sobre a circunstancia actual e as súas propostas para o tempo vindeiro.

A lingua é un dos elementos fundamentais que nos definen como nación e que motivaron mobilizacións históricas no pasado inmediato. Emprazamos a comezar de cero e a reflexionarmos sobre o uso do idioma propio da Galiza, partindo da convicción de que quen se comunica en galego é consciente de estar a facelo, de que a lingua se sustenta na forza que a sociedade galega demostra en cada período da nosa historia.

Incorporamos na nosa axenda a memoria e o impulso do memorialismo como outro dos alicerces sobre os que asentarnos como pobo, pois só coñecendo o pasado, sen terxiversacións e desde unha óptica galega, poderemos construír o país que ansiamos.

Sen feminismos non existe un futuro xusto. Por iso contamos co movemento feminista como un dos elementos impulsores da Galiza á que aspiramos, aquela na que desaparezan as desigualdades e na que os coidados e a solidariedade se transformen nun esteo da convivencia e non unha obriga non remunerada das mulleres. Unha das vergoñas da sociedade que a crise provocada pola Covid puxo de manifesto en toda a súa crueza.

Contamos tamén coas voces de colectivos que representan os motores do futuro que estamos a escribir. Poderían ser máis, e queremos desculparnos por non contar co espazo suficiente para integralos a todos. Na conxuntura actual, a transcendencia dunha sanidade pública eficiente demóstrase cada día, e abrollan como graves escollos os efectos dos recortes aplicados na última década. O ensino público, outro dos piares básicos sobre os que se constrúe o porvir, vese ameazado agora polas iniciativas que xorden desde a esfera privada.

Un novo modelo

A burbulla eólica abre o debate sobre o modelo enerxético que condicionará as próximas décadas, como xa acontecera coa construción das hidroeléctricas.

É esta unha cuestión sobre a que Nós Diario ten especial interese, co fin de determinar cal debe ser o papel -canto á produción e beneficio- que xogue unha Galiza inzada de proxectos de aproveitamento enerxético.

E, en directa relación co anterior, dámoslles á palabra aos sindicatos agrarios, Fruga, UUAA e SLG, partindo da convicción de que debemos aproveitar as grandes potencialidades das que a Galiza dispón no sector primario, nun momento en que se certifica sen sombra de dúbida a necesidade de reestruturar o sistema cara a un modelo que priorice o consumo de proximidade e o respecto ao medio.

A Galiza móvese. Rebélase, con máis forza nos últimos tempos, contra unha parálise socioeconómica que asfixia e non permite avanzar. Unha Galiza de seu, que se reivindica, en aras dun futuro socialmente xusto. Unha Galiza nova que podería ter concreción nas institucións públicas.

Damos voz, a través deste especial publicado con motivo do Día da Patria Galega, a todas esas persoas que se manifestan nas rúas. Elas son as imprescindíbeis, pois sen o seu compromiso non se terían conquistado dereitos que hai décadas eran percibidos como utópicos. Mais cómpre avanzar. Vainos a vida en que máis galegas e galegos se sumen a estas reivindicacións, que as compartan e as sintan propias. Permanecer na indiferenza, non tomar partido, non é unha opción e aquí os medios de comunicación, como axentes sociais e altofalantes dos movementos sociais, desenvolvemos un papel fundamental. O garante somos todas e cada unha de nós. Somos quen escribimos o mañá. O futuro pasa por nós.

Máis en Reportaxes
Comentarios