A historia do cabalo galego do rei viquingo

Guillerme de Normandía, o aliado do Reino de Galiza

Guillermo de Normandía cabalgando na batalla de Hastings. Gravura do Tapiz de Bayeaux. Século IX.
photo_camera Guillermo de Normandía, a galopar na batalla de Hastings. O cabalo, negro, era galego. Gravura do Tapiz de Bayeaux. Século IX.

Eran os días en que Normandía, o reino continental dos viquingos,  aparecía como a potencia rexional do espazo atlántico europeo. A un tempo, as súas xentes navegaban a Xerusalén, peregrinaban a Compostela, viaxaban a Grecia ou colonizaban o Mediterráneo, fundando o Reino de Sicilia, un dos máis importantes centros de cultura de Europa, onde o rei Roxeiro xuntou o mellor da intelectualidade árabe e cristiá. Non daban tregua, pelexaban por máis mercados, abrían novas rotas, tomaban partido nas loitas internas doutros países, gañaban territorios ao longo do mundo coñecido e os seus reis operaban como os auténticos arbitros da política internacional. Á cabeza de todos eles,  Guillerme o Bastardo ou o Conquistador, fillo de Roberto I, desembarcaría en Inglaterra por volta volta de 1066, sendo proclamado rei o 25 de decembro e permanecendo á fronte da coroa británica até a súa morte o 9 de setembro de 1087.

Os feitos máis significados do reinado de Guillerme, até a proclamación como monarca inglés, foron recollidos no Tapiz de Bayeaus ou da raíña Matilde, un grande lenzo bordado no século XI, duns setenta  metros de longo e que -segundo algunhas fontes- foi elaborado pola súa compañeira, a raíña Matilde, e -segundo outras-, polo seu irmán Odo, arcebispo de Bayeaus. O tapiz -unha das grandes obras da arte europeo, actualmente exposto no museo da cidade de Bayeaus en Normandía- recolle diversas miniaturas, destacando as referidas á campaña da conquista de Inglaterra e moi particularmente á batalla de Hastings, librada o 14 de Outubro de 1066, a máis decisiva de toda a contenda e onde perdeu a vida o rei Harold, o derradeiro da dinastía saxona. As gravuras representan o rei normando sobre un cabalo negro, destacando pola súa cor e características sobre as outras monturas.

O rei normando Guillerme o Conquistador participou na famosa batalla de Hastings montado nun cabalo galego, agasallo, segundo as crónicas da época, dos reis de Galiza

O cabalo co que participou Guillerme o Conquistador na batalla de Hastings era galego. Son moitos os estudos que teñen referido estes feitos, seguindo as crónicas e os documentos da época, a comezar polo grande cronista daquela altura Guillerme de Potiers e, a seguir, polo poeta Robert Wace. O primeiro, duque de Aquitania e uns do primeiros trobadores europeos, sinalou na súa Gesta Guillelmi, Ducis Normannorum et Regis Angliae que o cabalo do normando era un agasallo dos “reis galegos ao seu amigo”. O segundo, un autor normando contemporáneo dos feitos e cóengo de Bayeaux, indicou no seu Roman de Rou, que a montura era un “regalo dos reis galegos pola súa grande amizade e que foro traído de Santiago de Compostela por Galtier Guiffart”. A presenza de Guiffart, un nobre moi próximo ao rei normando, está documentada na Galiza do rei García I, quen agasallou o cabalo ao Conquistador, así como a participación dun continxente de tropas galegas na coalición internacional que apoiou Guillerme I na conquista de Inglaterra, tal é como confirmou Gordon Bigs na súa biografía de Xelmirez. 

O continxente galego na batalla de Hastíngs a carón de Guillerme e a presenza de Guiffart na capital de Galiza nos anos de preparación da toma de Inglaterra, apuntan unhas relacións fluídas entre un e outro reino. Unha ligazón que viña de vello e terá continuidade nos anos posteriores como atesouran fontes contemporáneas de orixe galega e normanda. Diego Páez, cesado como arcebispo, segundo a Historia Compostelana, ao ser acusado de tentar entregar o Reino de Galiza “aos ingleses e normandos”, pretendeu restaurar García no trono co apoio normando, promovendo unha voda deste coa filla de Guillerme I. As fontes normandas, neste caso Guillerme de Malmesbury ou Orderico Vital, autor das grandes crónicas normandas e anglonormandas do século XI e XII, aluden o matrimonio dunha filla do rei normando cun “Regi Galliciae” ou cun “Galliciae Regi”, porén o seu nome non é o de García I. A voda entre o rei galego e a filla de Guillerme non chegou a facerse efectiva, ao igual que a intervención normanda para volver ao trono a García, suceso que boa parte da historiografía vincula a morte do Conquistador en 1087, un ano antes de que Páez sexa cesado por Afonso VI como arcebispo de Compostela. 

Un continxente galego participou na batalla de Hastings apoiando os normandos, reino que mantiña unhas estreitas relacións co galego e que segundo algunhas fontes apoiaría a restauración de García no trono

Máis en Reino da Galiza
Cléomadès subido ao cabalo voador.
star
Un rei literario galego na obra de Adenet le Roi

SORMÁNS "O ROXO"

Comentarios