Afonso VII, o emperador da Galiza

Hai 915 anos, falamos do 1 de marzo de 1105, naceu en Caldas de Reis Afonso Raimundez, coroado rei da Galiza e emperador co nome de Afonso VII. Os seus máis de 40 anos como monarca correspóndense cun gran período de esplendor para o noso país.

Miniatura representativa da coroación de Afonso VII
photo_camera Miniatura representativa da coroación de Afonso VII

Afonso VII exemplificaba o papel hexemónico da Galiza no espazo cristián peninsular. Monarca de orixe, formación e práctica galega actuou como instrumento ao servizo das súas clases dirixentes, sendo recoñecido como tal polas fontes contemporáneas. Sen ir máis lonxe, os Anais cameracenses de Cambrai, unha das grandes crónicas medievais europeas cualificábao como “Afonso, o emperador da Galiza”.

Un monarca galego

O seu nacemento na Galiza nuclear non foi casual. Fillo de Raimundo de Borgoña e da raíña Urraca, criouse na Galiza, como xa acontecera coa súa nai e era practica habitual entre os herdeiros reais. A súa educación correu a cargo de Pedro Froilaz, o conde Traba, titor do neno rei, valedor e principal promotor dos intereses do monarca, cabeza da nobreza civil e auténtico xefe do partido galego.

A historia da Alta Idade Media galega non se explica sen os Traba. Se Pedro Froilaz guiou Afonso VII nos primeiros anos, o seu fillo e herdeiro Fernán Pérez de Traba, esposo da raíña Tareixa de Portugal, destacou como súa persoa de máxima confianza, exercendo de aio e titor de Fernando II e responsábel principal, para unha parte da historiografía, da división do imperio á morte do monarca.

Segundo estes autores, a separación de Castela do resto dos reinos de Afonso VII significaba a recuperación do vello proxecto da raíña Sancha, polo que morrera o rei García, con León anexionado á Galiza. A disgregación do imperio evidenciou o enfrontamento de vello entre as oligarquías galegas e castelás, ficando Castela e Toledo en mans do seu fillo Sancho II e Galiza, coa súa área de influencia leonesa e asturiana, en poder de Fernando II.

A coroación en Santiago Compostela

A proclamación de Afonso VII como rei da Galiza foi resultado dun pacto entre nobreza civil e eclesiástica, encabezadas por Diego Xelmírez e Pedro Froilaz, comprometidas coa a existencia dun ente político independente con vontade de exercer un papel reitor no espazo ibérico.

A cerimonia de entronización celebrouse na Catedral de Santiago de Compostela un 17 de setembro de 1111, ficando documentada na Historia Compostelá. Segundo a crónica ao monarca recibiuno o arcebispo Xelmírez no templo “e alí, segundo os sacros canons unxiuno en rei, entregoulle a espada e o cetro, e coroado cunha diadema de ouro, fixo sentar o xa proclamado rei na cadeira pontifical”.

A importancia desta xornada foi matizada por diversas investigacións nos últimos tempos. Así, na súa opinión, o acto veu formalizar unha decisión anterior da nobreza laica galega, que xa en outubro de 1909 procedeu a proclamalo rei, atendendo ao acordado en 1107 con Afonso VI. Nesta mesma liña, á volta de 1116 volveu ser ratificado como monarca na Catedral de Compostela, nunha operación dirixida polo conde Traba contra a nai de Afonso VII, a raíña Urraca, aliñada naquela altura contra os intereses galegos.

Un reinado conflitivo

Afonso VII debeu facer fronte a importantes conflitos na orde interna. Os primeiros anos do seu goberno estiveron marcados polos enfrontamentos coa súa propia nai, que aspiraba ao reino da Galiza, após o seu matrimonio co monarca catalán Afonso O Batallador. Se ben a Galiza nuclear mantívose nas súas mans, outras áreas do imperio como León e Castela foron sometidas polo rei de Catalunya.

O seu programa político atopou unha forte oposición nunha parte da nobreza castelá e leonesa, preocupada pola hexemonía exercida pola oligarquía galaica, o que provocou diversas tensións e leas. Por último, as demandas secesionistas do seu curmán Afonso Henriques, o primeiro monarca portugués remataron por rachar a unidade do reino, malia a oposición da súa nai, a infanta Tareixa.

O reinado de Afonso VII coincidiu coa máxima extensión territorial da Galiza. Aos territorios do vello soar suevo, desde o Cantábrico até o río Mondego e desde o Atlántico até o río Pisorga sumóuselle un amplo espazo político que abarcaba desde o extremo norte occidental aos Perineos e no sur á desembocadura do Texo, até chegar a Baeza e Ubeda, nas terras do actual Xaén, e por algún tempo tamén a Almería. Porén, estes no acadaron os límites sinalados na Crónica do emperador Afonso, fixados “desde o grande mar Océano, isto é, desde Padrón até o río Ródano”.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.

Máis en Reino da Galiza
Cléomadès subido ao cabalo voador.
star
Un rei literario galego na obra de Adenet le Roi

SORMÁNS "O ROXO"

Comentarios