Unha república entre a esperanza e a frustración

Deostada polas herdeiras daquelas que a derrotaron coas armas na man, esquecida polas continuadoras da política da amnesia sobre a que se articulou o réxime actual e mitificada por unha parte da opinión democrática, aproveitamos o aniversario da proclamación da II República para analizar as súas luces e as súas sombras. Achegamos argumentos que permiten entender, analizar e revisar criticamente a experiencia republicana da man dalgunhas das estudosas e estudosos do período.
república galiza

"O 14 de abril supón hoxe pór en cuestión a monarquía actual e o que significa a Transición como renuncia á legalidade republicana e a aceptación da legalidade franquista”. Quen así fala a Nós Diario é o filosofo Xoán Carlos Garrido Couceiro, un dos portavoces de Iniciativa Galega pola Memoria. “Foi unha experiencia que abriu grandes expectativas a todas aquelas persoas que viñeran traballando pola emancipación desde unha perspectiva nacional e de clase pero que non tardou en xerar unha frustración neses mesmos sectores, xa no momento de aprobación da constitución de 1931. Nada tiñan a ver as expectativas das forzas nacionalistas e operarias co finalmente aprobado”, conclúe Garrido.

A escritora e investigadora Montse Fajardo considera o 14 de abril como “unha data especial”. “Eu declárome republicana, non só por defender unha forma de Goberno diferente á monarquía, senón pola aposta nos valores republicanos, coa educación á cabeza, como acontece entre 1931 e 1936”, di, “pero, fundamentalmente, o 14 de abril é un día para a memoria, memoria dun tempo e dunhas persoas que estaban a construír unha sociedade mellor da que nós fomos quen de erguer”, indica Fajardo a Nós Diario, convencida de que “fica moito por avanzar para chegar a unha sociedade como aquela”.

Sen ruptura

“Non houbo unha ruptura co réxime da Restauración, foi unha evolución que abriu a porta a un proceso de ruptura que finalmente non chegou a darse”, comenta a Nós Diario o historiador e investigador Eliseo Fernández. “O 14 de abril representaba a posibilidade dun cambio da monarquía á república, que respondía a unha vaga de fondo que procedía do século XIX, impulsada polas organizacións agraristas, sindicalistas e nacionalistas e que cristaliza nese momento”, continúa Fernández. “Estamos no marco dun proceso onde o pobo decide converterse en protagonista, parafraseando o historiador Carlos Serrano, é a quenda do pobo”, remata Fernández.

"Abriu a porta a un proceso de ruptura que non chegou a darse", afirma Eliseo Fernández

O historiador Xosé Álvarez Castro pon de manifesto que “foi un período de apertura a sectores tradicionalmente excluídos do mundo da política. As mulleres conquistaron dereitos que non dispuñan, as traballadoras e traballadores entraron en espazos reducidos anteriormente ás elites, os movementos de liberación das nacións periféricas ocuparon un lugar na escena pública e o espallamento da cultura volveuse prioritaria. Os dirixentes republicanos tiñan claro que era imposíbel a democracia sen a alfabetización, desa maneira, naceron experiencias tan importantes como as Misións Pedagóxicas”.

“A república serviu para unha toma de conciencia acelerada desde o punto de vista nacional e social”, agrega Garrido, que destaca como nese período “Galiza levantou a cabeza ao darse conta da necesidade de abrir un novo marco de estruturación do poder do Estado, onde nós tiñamos algo que pintar”. Neste sentido expón que o nacionalismo “conseguiu arrastrar as organizacións que negaban o país, comezando polo PSOE, que nun primeiro momento se opuxo ao estatuto”. “Valeu, en definitiva, para que se desenvolvese a autoconciencia do país desde unha perspectiva propia, malia que o réxime republicano pretendeu o contrario polo seu carácter fondamente xacobino”, advirte o filósofo.

Ciencia e ensino

“Fico coa súa aposta pola ciencia e o ensino. O compromiso cun ensino laico, coa renovación pedagóxica na liña das propostas da Institución de Libre Ensinanza, coa extensión da cultura, coa experiencia das Misións Pedagóxicas e por suposto a conquista de dereitos polas mulleres, onde se significou a consecución do sufraxio”, indica Fajardo. “O mellor da sociedade estivo dedicado á política, moita desa xente despois perseguida liderou importantes proxectos empresariais para o país, como aconteceu con Zeltia ou Pescanova, onde destacaron persoas como Álvaro Xil, encarcerado por participar na defensa da legalidade en Pontevedra e confinado en San Simón”, declara Fajardo.

“Valeu para desenvolver a autoconciencia da Galiza", di Garrido

Eliseo Fernández considera que “o golpe de Estado foi a resposta para evitar a ruptura co pasado que a medida que avanzaba o período impulsaba a sociedade organizada”. “Os dirixentes republicanos non gustaban da participación popular, acreditaban nunha república de orde e enfrontábanse con todos os movementos que ían máis alá, como a esquerda ou o nacionalismo. O proxecto republicano era burgués, non quería alterar as formas da propiedade e era tamén moi centralista”, pon de manifesto. O historiador engade que “a porta que abriron á solución do problema social e nacional mantivérona entreaberta, botando man moitas veces de solucións autoritarias como demostra a aprobación da Lei de orde pública, da Lei de defensa da república ou da Lei de vagos”. 

“Os titubeos dunha parte das direccións das organizacións republicanas á hora de pór en marcha medidas máis de fondo que implicasen cambios de carácter estrutural provocaron que a desigualdade social non se combatese coa firmeza esixida”, acrecenta Fajardo, que considera o golpe de Estado como “unha mostra da loita de clases, onde unha parte da sociedade deixou claro que non estaba disposta a renunciar aos seus privilexios”.

Resposta perante o golpe

Xosé Álvarez sinala que “a conxuntura internacional marcada pola crise económica internacional comezada en 1929 impediu levar adiante reformas, que tamén foron paralizadas pola presenza no Goberno durante máis de dous anos das forzas da dereita”. “Xa máis tarde, no momento do golpe de Estado, a resposta das autoridades foi desigual, a postura de pasividade dunha parte dos gobernadores civís, a maioría deles adherentes de Esquerda Republicana, demostrou que polo seu carácter burgués tiñan máis medo ás traballadoras que aos militares”, agrega.

“Non houbo unha ruptura real co réxime anterior, polo que a II República mantivo en esencia o proxecto do réxime anterior”, sinala Garrido, que critica a falla de vontade para “rachar co proxecto militarista hexemónico no Estado, como consecuencia dun modelo colonial que non se cuestiona” e que apunta á “continuidade das elites dos vellos partidos da Restauración na dirección de organizacións como Esquerda Republicana ou do Partido Radical”.

Máis en Portadas
Comentarios