sábado 25/09/21
Catalunya

Zapatero: “O actual labirinto pasa por retornar ao Estatut”

A piques de se cumpriren dez anos desde que o Congreso aprobara o Estatut, o ex presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, aposta en regresar a ese punto de partido para saír “do actual labirinto” no que, ao seu ver, se atopa Catalunya.

[Imaxe: Wikipedia] Zapatero
[Imaxe: Wikipedia] Zapatero

Nunha entrevista publicada por La Vanguardia, o que fora presidente do Goberno español co PSOE, José Luis Rodríguez Zapatero considera o Estatut de 2006 “unha grande oportunidade máis que un gran problema”. “É máis, penso que a saída ao actual labirinto pasa por retornar ao punto de partido. Hai que ir á orixe dos problemas. E nesa orixe está a sentenza do Tribunal Constitucional e a reacción a esa sentenza”, afirma.

"Habemos deixar a un lado o Tribunal Constitucional na resolución política dos grandes problemas do país"

Zapatero di non compartir o “ton” da sentenza de xuño de 2010 e sinala que o Constitucional “se viu sometido a todas as tensións posíbeis”. “A lección fundamental é que habemos deixar a un lado o Tribunal Constitucional na resolución política dos grandes problemas do país. Esa non é a saída. Como tampouco o é a vía dos referendos decisorios, que dividen entre o branco e o negro”, engade.                                       

Sobre Artur Mas, asegura que “nunca” viu nel “un independentista” e salienta que a reedición do Goberno tripartito, con José Montilla na presidencia, foi “un factor de radicalización de Convergència”. Pon de manifesto que “as cousas terían ido doutra maneira se Josep Antoni Duran Lleida fose o sucesor de Jordi Pujol e se o catalanismo decidise entrar na gobernación de España”. “Duran Lleida tería sido un bo ministro de Exteriores”, subliña.

"Onde menos flexíbel o vin (a Rajoy) foi no de Catalunya e no Estatut"

Aliás, Zapatero sinala que dos “varios diálogos” que mantivo con Mariano Rajoy arredor de cuestións transcendentais do Estado “no tema onde sempre o vin menos flexíbel foi no de Catalunya e o Estatut. Era inflexíbel cando se lle formulaba unha visión plural de España e o recoñecemento das comunidades nacionais”.

A respeito de ERC, admite conversas con Josep Lluís Carod Rovira e Joan Puigcercós, dos que di que eran “románticos do independentismo”. “Sempre vin en Esquerra unha alma sensíbel ao destino colectivo de España”, afirma.

En relación ao proces soberanista, o ex presidente do Goberno español empraza as forzas estatais a “dar unha resposta a Catalunya. Ten que voltar a política a Catalunya. Non hai política no independentismo”, defende. Para Zapatero, a independencia é “un salto á nada” e “só é un manifesto”.

comentarios