Yolanda Díaz volve excluír a CxG dunha fronte ampla namentres Beiras prognostica eleccións anticipadas

Rafael Cuíña, da Executiva de Compromiso, respondeu xa desde a súa conta de Twitter ás palabras de Díaz: "Eu pregaríalle, con todo o afecto, que non perda moito tempo en nos excluir. Ninguén quere ir con eles"

photo_camera [Imaxe: SG]


AGE vaticina eleccións anticipadas tanto na Galiza como no Estado español. Insiste no seu "chamamento amplo contra o modelo que defende Feijóo" e deixa claro que nese proxecto segue sen caber Compromiso por Galicia, a formación que dirixe Xoan Bascuas e que foi vetada por Esquerda Unida xa á hora de constituír a coligación en que finalmente se integraron catro forzas políticas.

Así se manifestaron o voceiro, Xosé Manuel Beiras, e a vicevoceira, Yolanda Díaz, en senllas entrevistas concedidas o domingo á Cadena Ser e á Radio Galega. Na emisora española falou Beiras, subliñando que o PP non poderá manterse no poder até esgotar as lexislaturas nin galega nin estatal. Considera que a formación conservadora "está a desprezar absolutamente a cidadanía", citando como exemplos desde as fotos co narcotraficante Marcial Dorado que se fixo Feijóo até os sobres de Luís Bárcenas. "Por cousas moito máis pequenas dimiten en Europa e aquí non demite nin Dios", enfatizou o líder de AGE. 

Beiras falou tamén da concorrencia de Anova e Esquerda Unida xuntas ás eleccións europeas (2014) e municipais (2015). Namentres a reelixida coordinadora nacional de Eu, Yolanda Díaz, asegura que na súa formación política "xa fixemos este debate e témolo claro", Beiras apelou a "volver repensar a fórmula de forma aberta para que se poida ampliar o espectro". 

Acrecentou que "se o facemos ben alimentaremos unha fronte ampla" que poida combater as políticas do PP "aínda que reduza os deputados a 61". Sobre esta supresión de escanos, que o PP volveu propor nos últimos días, o líder de Anova ve "unha cortina de fume" para se escorregar Feijóo da polémica das instantáneas no iate de Dorado.

No proxecto de Díaz non cabe CxG

Pola súa banda, Díaz aproveitou a entrevista na Radio Galega para apelar "á unidade de todas as esquerdas" para "sumar forzas coas nosas diferenzas". A eventual ampliación de AGE a outras forzas políticas en ningún caso incluiría Compromiso por Galicia pois "as alianzas vense nos programas políticos" e a formación de Bascuas "non está na liña de converxer nunha esquerda anticapitalista". CxG foi excluído xa na coligación que concorreu aos comicios do 21 de outubro e baixo as siglas de AGE foron Anova, EU, Equo e Espazo Ecosocialista. O veto a esta organización foi aceptado tamén por Beiras, o mesmo que en tempos se comprometera a "excluir a quen exclúe".

Si caberían no proxecto, segundo Díaz, Esquerda Anticapitalista e BNG. "Respectamos a decisión" da formación frontista, que rexeitou este convite a facer parte de Alternativa, "mais seguimos a facer un chamamento amplo contra o modelo que defende Feijóo e que conduce á fame e á pobreza". Ao igual que Beiras, tamén Díaz fala da constitución dunha "fronte popular" na cal "cabemos todos". 

E o dereito a decidir da Galiza? "Nós defendemos un modelo federal e laico" que non se diferenciaría, segundo Yolanda Díaz, "substancialmente en nada" daqueloutro que procuran "os nacionalistas" pois tamén para Esquerda Unida o noso País ten dereito a decidir por si propio cal é a relación que quere manter "co resto dos pobos de España". Insistiu en "reforzar" AGE no marco dunha Galiza "polarizada" entre esta coligación e o PP: "Non hai dúbida diso, abonda con ler a imprensa".

Comentarios