Yolanda Díaz: “Villares, polo de agora, non quere achegamentos”

“Que diga claramente se quere a unidade popular con nós ou non”. Este era o recado que enviaba Yolanda Díaz, deputada de En Marea, a Luís Villares, de quen advirte que “polo de agora, non quere achegamento”.

1552214006_450192_1552216841_noticia_normal_recorte1
photo_camera [Imaxe: Cadena SER] Yolanda Díaz

Unha única lista que integre En Marea, Podemos, Esquerda Unida e Anova. É o desexo expresado por Yolanda Díaz, deputada de En Marea no Congreso crítica coa cúpula do partido instrumental, de cara ás eleccións xerais do 28 de abril. Así o expresaba este domingo nunha entrevista concedida a Radio Galicia-SER.

A militante de Esquerda Unida aproveitou para pedirlle a Luís Villares, portavoz de En Marea, “que diga claramente se quere a unidade popular con nós ou non”. Con ese nós referíase a Podemos, Esquerda Unida e Anova, as formacións críticas coa dirección de En Marea. “Son consciente de que está habendo reunións con el mais tamén o que se me fai chegar é que Villares, polo de agora, non quere achegamentos”, sinalou.

O tempo corre na contra da “unidade popular” pretendida por Díaz, pois a sexta feira remata o prazo para a presentación das candidaturas ás eleccións municipais e En Marea conclúe na noite deste domingo as eleccións primarias para conformar as listaxes das xerais. “Non hai desculpa” para non fechar unha listaxe única, salientou a deputada, que restou importancia ás “poucas diferenzas que temos”.

Díaz cualificou de “complicados” os meses de goberno do equipo de Pedro Sánchez, “o único do que está a presumir é do acordo orzamentario que acadou con nós, mais a única medida concreta que se materializou é a suba do salario mínimo interprofesional”.

Precisamente, os orzamentos supuxeron o punto de inflexión nas relacións entre as deputadas e deputados de En Marea que forman parte do grupo parlamentar de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea coa dirección de Villares. Mentres Alexandra Fernández -que anunciou a súa retirada da primeira liña política- atendía as directrices da cúpula e votaba contra as contas xerais ao entender que prexudicaban Galiza, Miguel Anxo Fernán Vello, Antón Gómez-Reino, Ángela Rodríguez e a propia Yolanda Díaz desoían a decisión da dirección de En Marea e daban luz verde aos orzamentos.

Preguntada por se unha ruptura tería consecuencias no grupo parlamentar da Cámara galega, a deputada afirmou: “se non hai suma e o que hai é resta, temos un problema”. Lembroulle ao respecto a Villares que el conta co apoio de catro deputados mentres que Podemos-Anova-Esquerda Unida suma dez. “É fácil prever o que pode pasar e dígoo con bastante tristeza. Creo que hai que ter audacia e altura de miras”, engadiu.

A respecto do seu futuro, sinalou que esta semana decidirá se aposta en postularse como candidata ao Congreso ou se fica na Galiza. Dixo estar “moi orgullosa” do seu traballo, mais advertiu que “estar en Madrid unha filla que esta semana fai sete anos é moi complicado”.

Comentarios