Yolanda Díaz vaticina “un auténtico descalabro” de En Marea se non se corrixe a “exclusión” na Coordinadora

A deputada no Congreso e líder de Esquerda Unida súmase ás críticas a Luis Villares: “Así imos mal, así non se constrúe a unidade popular”.

En Marea
photo_camera Yolanda Díaz e Gómez Reino

Non deixan de chover as críticas a Luis Villares pola elección da Coordinadora de En Marea. Ás críticas de significadas voces da súa propia lista, Máis Alá, nas eleccións internas; das de alcaldes como o da Coruña e de parte de Anova, súmase agora parte dos representantes de En Marea nas Cortes Xerais do Estado, como Yolanda Díaz ou Antón Gómez Reino, ‘Tone.

A deputada no Congreso e líder de Esquerda Unida advertiu de que En Marea vai cara a un “auténtico descalabro” se non corrixe as exclusións que, afirma, se produciron na elección da Coordinadora. Yolanda Díaz di que excluír desa executiva as “mareas municipalistas máis referenciais no estado” e a “todas as organizacións políticas” que fan parte do partido “vaticinan un auténtico descalabro”. Díaz considera que a aposta de Luis Villares non é a correcta: “Así imos mal, así non se constrúe a unidade popular”.

Pola súa banda, Gómez Reino cualifica de “equivocación” o paso dado por Villares e recoñeceuse “preocupado” pola “exclusión” do que cualificou como “actores políticos fundamentais” durante todo o proceso de construción de En Marea. O parlamentar no Congreso chamou a “abrir unha reflexión”. 

Comentarios