sábado 26/09/20

Yolanda Díaz: "O señor Feixoo é do mellor que ten o Partido Popular"

A ministra de Traballo, a galega Yolanda Díaz, recoñeceu que o presidente da Xunta "é un gran candidato" nunha entrevista no programa La Hora de la 1 da televisión pública
A ministra na súa intervención desta mañá na televisión. (Foto: TVE)
A ministra na súa intervención desta mañá na televisión. (Foto: TVE)

As declaracións feitas esta segunda feira pola ministra de Traballo, Yolanda Díaz, nunha entrevista non deixan de provocar reaccións encontradas nas redes sociais. A representante do Goberno de coalición do Estado español gabou as cualidades de Alberto Núñez Feixoo.

Na súa intervención no programa La hora de la 1, Díaz tivo tempo de falar de ERTES, da situación económica derivada da pandemia, de que ninguén quedará atrás, mais unha das afirmacións que máis sorprendeu tanto na Galiza como fóra foi que eloxiase ao presidente da Xunta. 

"Feixoo é un gran adversario e, por tanto, para poder gañar o primeiro que hai que facer é recoñecer ao adversario", destacou.

Desde o seu punto de vista, e sempre "coa distancia ideolóxica" que ten co seu partido, a responsábel da carteira de Traballo insistiu en que o líder popular "é un gran candidato".

"É do mellor que ten o Partido Popular", abundou en resposta á pregunta que lle estaban a facer.

Quizais foi unha alusión á realidade actual da organización política a nivel do Estado español, con Pablo Casado Posto en dúbida constantemente.

Esta declaración está a encher as redes sociais, especialmente no país, polo curioso do contido. Mesmo se poden ver vídeos con cancións adicadas ao popular ou memes.

comentarios