Yolanda Díaz saca adiante unha reforma laboral con máis apoios na dereita que na esquerda

As forzas soberanistas critican que o Goberno estatal convalide a norma sen aceptar mudanzas "nunha soa coma", deixando o Congreso como un mero "notario". Pola contra, desde a dereita e o sector empresarial lóase a norma malia o voto en contra do PP. Unión del Pueblo Navarro (UPN) ten a chave na votación.
O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, e a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, á súa chegada ao Congreso esta quinta feira (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, e a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, á súa chegada ao Congreso esta quinta feira (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

Cando Yolanda Díaz recolleu en xaneiro de 2020 a carteira de Traballo e Economía Social —hoxe tamén a vicepresidencia segunda— tiña un único obxectivo: derrogar a reforma laboral do PP en 2012. Así figuraba no punto 1.3 do acordo do Goberno de coalición.

Porén, a propia ministra afirmaba no Congreso poucos días despois de tomar posesión que sería unha "frivolidade" acabar con esta lei "de golpe". "Tecnicamente eu mentiría se dixese que podo eliminar unha norma dicindo 'derrogo até o infinito', porque se trata de derrogar e lexislar", dixo.

Mais, á hora de obter os apoios precisos para a investidura de Pedro Sánchez, o propio PSOE prometera en cadanseus pactos con BNG e EH Bildu a supresión desta norma. "Derrogaremos a reforma laboral, da negociación colectiva, respectando os marcos autonómicos de relacións laborais. Impulsaremos o diálogo institucional incluíndo a todas as organizacións sindicais que gozan da condición de máis representativas a nivel estatal", reza o texto que o Bloque asinou co grupo socialista.

O compromiso de impulsar o diálogo coas organizacións sindicais máis representativas do Estado tampouco tivo o seu reflexo na negociación da reforma laboral, da que participaron a patronal (CEOE) e máis os sindicatos estatais UXT e CCOO.

Díaz ve unha "oportunidade" para traballadores e empresas

Foron unhas negociacións nas que o Goberno de coalición deixou á marxe os seus socios tradicionais, nomeadamente as forzas soberanistas, que desde o momento en que se deu a coñecer o contido do texto formaron unha fronte común contra a que consideran unha reforma "decepcionante" que "claudica ante a patronal" e "non derroga os aspectos máis lesivos" da norma aprobada por Mariano Raxoi.

A ministra Díaz foi a primeira en subir ao estrado do Congreso na mañá desta quinta feira, nunha primeira intervención na que defendeu que se trata dunha "oportunidade" para que tanto empresas como traballadoras e traballadores "deixen atrás un modelo de relacións laborais profundamente insatisfactorio, baseado na inseguridade que ameaza á xente, sobre todo mulleres e persoas novas".

"Non atopo argumento sólido ningún para votar en contra desta reforma", di Yolanda Díaz

"Dar as costas a esta reforma é devolvernos á casa de saída no xogo funesto da precariedade", profundou a vicepresidenta segunda, para quen a discusión sobre este real decreto-lei está baseada en "rivalidades partidistas" malia que ela non atopa "argumento sólido ningún" para votar en contra.

As forzas soberanistas seguirán a ser "socios preferentes"

Noutra orde, Felipe Sicilia, portavoz do PSOE no Congreso, afirmou que ERC, Bildu e PNV seguirán a ser os socios preferentes do Goberno malia non votaren a favor da reforma laboral, xa que con outras forzas políticas resúltalles "imposíbel" o diálogo.

Mais, desta volta, decidiron oporse ao texto ERC (13 escanos), PNV (6), Bildu (5), Junts (4), CUP (2) e BNG (1), alén dalgunhas formacións de dereitas, nomeadamente PP (88), Vox (52), Foro Asturias (1) e o deputado non adscrito —ex de Ciudadanos— Pablo Cambronero. Con todo, Díaz quixo agradecer a "vontade de diálogo" do PNV, un partido ao que "lle gustan os consensos e valora o que se fixo no diálogo social, mais os consensos non se impoñen e menos no Parlamento", esgrimiu.

Gabriel Rufián, portavoz de ERC na Cámara, acusou o Goberno estatal de "tentar estafar" ás e os traballadores con esta reforma. "Respectamos aos axentes sociais, mais nos din que non se pode tocar unha coma do pacto porque se pactou fóra. Cando se di iso ti non cres que o Congreso sexa a sede da soberanía popular. Credes que o Congreso é un notario que sela acordos de fóra? É un precedente moi perigoso que non aceptamos", afirmou.

Quen si apoiaron a reforma foron, alén dos 120 deputados e deputadas do PSOE e os 34 de Unidas Podemos (UP) —está baleiro o escano de Alberto Rodríguez—, Ciudadanos (9), Partit Demócrata Català (PDeCAT, 4), Unión do Pobo Navarro (UPN, 2), Más País-Compromís (3), Partido Regionalista de Cantabria (PRC, 1), Teruel Existe (1), Coalición Canaria (1) e Nueva Canarias (1).

O apoio do deputado de UPN Sergio Sayas estivo no ar até ben entrada a mañá, mais, segundo recoñeceu el propio, o seu voto é favorábel seguindo as "instrucións" do partido.

O PP quere facilitar o despedimento

Pola súa parte, a portavoz do PP na Cámara, Cuca Gamarra, asegurou que a ministra de Traballo está "nerviosa" e "insegura" porque "sabe que traicionou os seus" e agora quen a votaron vena "á fronte da Troika". A popular afirmou que a reforma de 2012 "permitiu abrir un ciclo de creación de emprego" e a continuación preguntou: "Se funciona, por que a derroga?".

"A ministra está insegura porque sabe que traicionou os seus", apunta Cuca Gamarra (PP)

Gamarra avanzou que, de chegar á Moncloa a formación conservadora, impulsaría unha redución de contratos "máis ambiciosa" e unha reforma do mecanismo de despedimento a través da chamada 'mochila austriaca', unha proposta que xa rexistraron no Congreso para o seu debate nas vindeiras datas.

Esta mesma semana, a conselleira de Emprego galega, María Jesús Lorenzana, cualificou de "operación estética" o real decreto-lei. "Creo que non satisfai ninguén, porque aquí non se está a facer operación ningunha de reforma laboral", engadiu.

Néstor Rego afea as "promesas incumpridas", mais valora os "avances"

Na súa quenda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lamentou que o real decreto-lei non "toque" aspectos lesivos da reforma do PP como as "facilidades e abaratamento do despedimento", a prevalencia dos convenios de empresa malia empeoraren os do sector —agás cos salarios— ou a supeditación dos convenios galegos aos estatais.

"Este texto é a expresión do incumprimento das promesas e compromisos [do Goberno] e non serve para recuperar dereitos laborais", engadiu o nacionalista, para quen Yolanda Díaz "optou por seguir o ditado da Unión Europea e por contentar o empresariado". Unha mostra diso, afirmou Rego, é que o texto sexa aprobado "co voto da dereita ultraliberal".

Porén, o BNG pediu que a reforma laboral se tramitase como proxecto de lei e non como real decreto-lei porque a formación nacionalista "non renuncia a avanzar en dereitos colectivos", dixo o deputado, en alusión aos aspectos que si mudan con esta nova norma.

E a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, criticou que o Goberno de coalición "prefira apoiarse en Ciudadanos e os socios da dereita" no canto do "bloque da investidura".

Un texto avalado por Botín e a FAES

A controvertida reforma laboral de Yolanda Díaz está a espertar apoios onde menos cumpriría agardalos. A presidenta do Banco Santander, Ana Botín, posicionouse na cuarta feira a prol do real decreto-lei: "É moi importante o que se acordou, e de forma consensuada, que é a forma de facer as cousas", dixo.

Tamén a FAES do ex presidente José María Aznar avala o texto, malia o voto negativo de PP e Vox: "Nin é histórica nin derroga a de 2012, senón que a consolida", dixo a organización nun comunicado. E na mesma liña apunta a ex ministra de Emprego no Goberno Raxoi, Fátima Báñez, para quen a proposta de PSOE e UP é "unha vitoria das políticas do PP".

Novas mobilizacións da CIG

Os sindicatos, á marxe de CCOO e UXT, artífices do acordo, tampouco son partidarios desta reforma laboral. A CIG, que xa chamara ás mobilizacións o pasado domingo, organizou esta quinta feira senllas concentracións nas sete cidades galegas na procura dunha nova lexislación "que permita recuperar os dereitos roubados e mellorar as condicións de traballo para termos emprego e salario dignos".

Mobilización da CIG en Ourense, esta quinta feira (Foto: Nós Diario).

Mobilización da CIG en Ourense, esta quinta feira (Foto: Nós Diario).

Para a central nacionalista, o texto "é un novo instrumento que vai favorecer as nefastas políticas do PP e de Feixoo na Galiza, e constitúe a peor solución para afrontar de maneira xusta a crise social e industrial que padece o noso país, a actual carestía da vida e os cambios que se están a dar no mundo do traballo resultado dos procesos da descarbonización e dixitalización".

Comentarios