YOLANDA DÍAZ MARCA DISTANCIAS CON PODEMOS

Yolanda Díaz: “Renunciar á esquerda sería como se as mulleres renunciasen ao feminismo”

A voceira de Esquerda Unida marca distancias con Podemos, onde Breogán Riobóo apoia a integración en Marea Atlántica. Por súa parte, o co-líder de Anova, Martiño Noriega, decidirá esta semana se se presenta ás primarias en Compostela Aberta.  

yolanda
photo_camera Imaxe de arquivo: EU

Seguen os movementos nas formacións que están a formar alianzas para as municipais por todo o país, sen que en moitos casos poidan agochar as diferenzas entre elas. Así, por exemplo, a líder de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, marcou territorio e distancia perante a negativa de Podemos a definirse no eixe esquerda-dereita, discurso que está alcanzando tamén a algunhas destas candidaturas, como as chamadas Mareas

Deste xeito, a voceira de AGE asegurou que “renunciar á esquerda é como se as mulleres renunciasen ao feminismo”. Díaz pronunciouse en tais termos este domingo durante nunha entrevista na Radio Galega, onde tamén discrepou do líder da súa formación en Madrid, Cayo Lara, nos seus ataques a Podemos. “Non hai que confundir o proceso de cambio coas eleccións, que son política pero non son a política”. “Sería un erro histórico non sermos determinantes neste proceso”, engadiu. 

Pola súa parte, Breogán Riobóo, líder de Podemos en Galiza, desvelou este domingo o seu apoio á integración na Marea Atlántica da Coruña. O secretario xeral da formación emerxente declarou tamén que neste momento non entra nos seus planos asumir a candidatura á presidencia da Xunta nas eleccións galegas de 2016.

Breogán Riobóo declara que neste momento non entra nos seus planos asumir a candidatura de Podemos á presidencia da Xunta  nas eleccions galegas de 2016

Onde si xa se confirmou a presenza da organización de Pablo Iglesias é en Compostela Aberta. Malia que Podemos non ten claro que o apoiaría, existe a posibilidade de que Martiño Noriega -dirixente de Anova e alcalde de Teo- se presente ás primarias para ser o candidato desa lista, algo que recoñeceu que está pensando e decidirá esta semana.

Martiño Noriega tería o apoio de Yolanda Díaz: "Aprezo no persoal a Martiño e creo que é unha persoa moi válida en termos políticos", declarou a líder de Esquerda Unida.

Comentarios