Yolanda Díaz pergunta a Feijóo se chamou ao Sergas para pedir que non se lle fixese a autopsia ao chófer Manuel Cruz

A vice-voceira de AGE interpelou o presidente da Xunta para lle exixir que "nos diga a verdade" a respeito da súa relación con Marcial Dorado e o testaferro deste, Manuel Cruz. Yolanda Díaz denunciou que a documentación achegada polo executivo galego en relación cos contratos con empresas do narco son unha "trapallada"

Yolanda Díaz
photo_camera Yolanda Díaz

Subiu o ton no escándalo Dorado e, após un mes de se faceren públicas as imaxes entre Feijóo e o narcotraficante arousán, seguen a saír novos dados. Neste senso, a vice-voceira de AGE preguntoulle a Alberto Núñez Feijóo se "é certo" que após o pasamento de Manuel Cruz nun accidente de tránsito o actual presidente da Xunta de Galiza chamou ao Sergas para "pedir que non se lle fixese a autopsia". 

Díaz dixo, aliás, que o chófer do ex-conselleiro de Sanidade, Romay Beccaría, era "un narcotraficante", que "andaba de pistola" e desenvolvía "actividades ilícitas". Pola súa banda, Núñez Feijóo limitouse a despachar as acusacións dá deputada de AGE cualificándoas de "inxurias", mais non deu ningún dado que permita concluír que o dito pola vice-voceira de AGE sexa falso.

Feijóo dixo que o executivo galego non dispón dos contratados asinados pola Xunta co narcotraficante Dorado con anterioridade a 2003

Feijóo, que acusou a parlamentar e o seu grupo de "manchar" o Parlamento, dixo que o executivo galego non dispón dos contratos asinados pola Xunta coas empresas do narcotraficante arousán con anterioridade a 2003. 

A deputada de AGE exixiu que a administración galega lle entregue ao seu grupo parlamentar a documentación solicitada en relación coas contratacións e non "esta trapallada", insistiu amosando a relación de pagamentos entregada pola Xunta, documentación "sen validez legal" algunha --aseverou. 

Yolanda Díaz insistiu en exixir a demisión do presidente da Xunta ao considerar que "non é honrado". 

Comentarios