Yolanda Díaz lanza Sumar co obxectivo de repetir no Goberno

Sumar estréase hoxe en Madrid. A plataforma impulsada por Yolanda Díaz para lanzar a súa candidatura á presidencia do Goberno do Estado arranca ás 19 horas no Matadero da capital do Estado. A ministra de Traballo estará acompañada no acto por diversos dirixentes políticos galegos que a apoian neste proxecto.

 

A vicepresidenta e ministra de Traballo, Yolanda Díaz (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera A vicepresidenta e ministra de Traballo, Yolanda Díaz (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

Marta Lois é unha das galegas que estará na presentación de Sumar. Voceira municipal de Compostela Aberta, probábel cabeza de lista da candidatura nos vindeiros comicios locais de 2023 e presidenta de Sumar, sinala a Nós Diario que valora "moi positivamente" desenvolver "este proceso de escoita coa sociedade civil". "Mañá estarei en Madrid e agardo que saia moi ben e que se xunten moitas persoas, porque é un proceso que avanzará grazas á suma de todos e todas".

Lois, unhas das persoas máis próximas a Yolanda Díaz, explica que “no acto non se convidou especificamente as organizacións políticas, pero é un aberto. A idea é que principalmente sexa un acto da cidadanía, e que os  partidos no sexan os protagonistas”. Nesta dirección, Lois xa adiantara nunha entrevista con Nós Diario que “o importante non son as siglas, senón o traballo, a proposta e o proxecto que podemos ofrecerlle á xente do común para mellorar as súas vidas, e que non sexan sempre as mesmas e os mesmos quen paguen os pratos rotos das crises”.

Gómez-Reino

O secretario xeral de Podemos na Galiza e voceiro parlamentario da coalición electoral Galiza en Común, Antón Gómez-Reino, é outro dos dirixentes políticos que acudirá ao acto de Sumar. Así, en declaracións a Nós Diario, apunta que “estamos convidados e, por suposto, asistiremos ao acto de inicio dun proceso de escoita que celebramos e consideramos imprescindíbel. Por suposto, este é só o comezo dunha escoita que se estenderá por todo o Estado e na que a Galiza e os galegos e galegas teremos un papel significativo. Estamos convencidas da boa resposta de todas as persoas que cren na posibilidade de construír un país mellor e con futuro”.

Gómez-Reino amósase convencido de que “a capacidade de xerar esperanza de Yolanda Díaz convértea na única dirixente da esquerda do conxunto do Estado coa virtude de mobilizar a cidadanía demócrata e progresista que actualmente non se sente interpelada pola política partidaria, chegando incluso á desafección coa política. Vemos con ilusión como Yolanda si sintoniza con aquelas xentes que queren crer na posibilidade dun futuro mellor”.

Eva Solla

Eva Solla non participará mañá do acto de Sumar por razóns laborais pero dirixe na Galiza unha formación chave no proceso, Esquerda Unida. Nesta liña, entende que “no momento en que estamos é fundamental a unión de todas as forzas á esquerda do PSOE” mais considera que “a mesma debe producirse en base a obxectivos concretos, moi particularmente atendendo a cuestións programáticas”. Asemade, defende “articular  unha proposta para os procesos electorais pero tamén de traballo social”, onde as “forzas políticas son un elemento central para dotar a proposta de contidos”.

Comentarios